O número de casos de violencia de xénero descenden no Carballiño
A mesa de coordinación para a mellora na atención ás vítimas de violencia de xénero, celebrada este xoves no concello do Carballiño, obtivo como conclusión o feito de que o traballo desenvolvido nos primeiros seis meses do ano está a dar bos resultados, ao comprobarse, cos datos das distintas administracións, que o número destes actos diminuíu no Carballiño e a súa bisbarra.
Esta conclusión obtívose tras contrastar os datos entre os presentes na reunión, representando a diversas administracións como o Concello do Carballiño, representado nesta pola edil de Benestar, o Centro de Información ás Mulleres do Carballiño (CIM), a Policía Local, os representantes do Centro de Saúde, da Comandancia da Garda Civil da Provincia de Ourense, Posto da Garda Civil do Carballiño, o xulgado, e Subdelegación do Goberno de Ourense.
Na mesma mesa se acordou continuar coa liña iniciada hai uns meses, de traballo conxunto entre todas estas administracións, para ofrecer un mellor servizo e, sobre todo, máis rápido, ás vítimas, así como campañas de información e sensibilización sobre esta eiva social.











