O novo colexio de Culleredo terá capacidade para 450 alumnos de Infantil e Primaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocalLocal Portada
A-
A+

O goberno de Culleredo inicia o traballo coa Xunta de Galicia de cara á futura construción dun novo colexio de Educación Infantil e Primaria no municipio. O Concello xa formalizou hai meses a compra dos terreos, situados en Vilaboa, e aprobou en pleno a súa cesión á Xunta para que albergue alí o necesario CEIP.

O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, mantivo onte unha reunión co servizo de Construcións da Xunta para abordar os seguintes pasos a seguir. No encontro estiveron presentes tamén responsables das empresas concesionarias dos servizos de auga e mantemento eléctrico, e o equipo redactor do estudo detalle.

Efectuaron unha visita aos terreos para comprobar as posibles necesidades en materia de dotación de servizos.

O procedemento acordado será o seguinte. O equipo redactor elaborará o estudo de detalle, que estará completado nun mes. Unha vez finalizado terá que ser aprobado en xunta de goberno local e sometido a información pública.

En paralelo, o Concello redactará o proxecto de urbanización da parcela. O obxectivo será dotala fundamentalmente de beirarrúas e de servizo de augas. Tamén se contactará con Fenosa para concretar como se efectuará a conexión eléctrica.

Con estas tramitacións completadas, o Concello de Culleredo e a Xunta de Galicia procederán á firma oficial do convenio de cesión dos terreos para a construción do colexio.

Na reunión de onte tamén se acordou que o colexio se proxecte de liña 2, é dicir, con dúas clases por curso, polo que podería albergar 450 escolares. Non obstante, o Concello elaborará o estudo de detalle contemplando unha posible ampliación futura a liña 3 (3 clases por curso), o que alcanzaría os 675 alumnos.

O centro situarase na avenida de Rutis, entre a autoestrada AP-9 e Vilaboa, nunha parcela de 19.000 metros cadrados. A compra dos terreos supuxo ao Concello un investimento de 212.000 euros.

Sacristán destaca a necesidade de construír o colexio ante a saturación das aulas e o crecemento continuado de escolares no municipio. O alcalde asegura que o Concello ofrecerá a súa “máxima disposición” para axilizar os procesos e propiciar a construción “canto antes” do CEIP.
Nesta mesma liña de traballo, o goberno de Culleredo manterá o luns unha primeira reunión coa empresa adxudicataria da redacción do proxecto do novo instituto, que se situará en Acea de Ama. O Concello colaborará en todo o posible coa redactora para acelerar os traballos, dos que depende a licitación da construción de cara a que estea aberto o centro no curso 2014-2015.

29 de xuño de 2013 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.