O Museo Municipal de Ourense acolle a exposición de pintura Arqueoloxía Arraiana de Rafael Terrachán
O Museo Municipal acolle ata o día 7 de xullo nas súas Salas I e II a exposición de pintura Arqueoloxía Arraiana, do artista Rafael Terrachán.
A mostra, inaugurada o pasado venres, ofrécenos un estilo expresivo, xestual e enérxico que nos propón a existencia dunha experiencia persoal por parte do artista cara o espectador. Nesta ocasión amósanos unha selección de traballos de toda unha vida, con formatos e soportes coidadosamente estudados que nos permiten coñecer e descubrir máis do Terrachán artista.
O Museo Municipal desde hai anos está traballando con moito arraigo no proxecto municipal dos Nosos Artistas. Deste xeito a obra inesperadamente diferente do ourensán Rafael Terrachán, forma parte na procura da firmeza deste proxecto museístico.
Son máis de medio centenar de obras nas que atopamos grande cantidade de reminiscencias co vivo, orgánico, tendencia esta preponderante en grande parte da arte europea, xa que está a rescatar constantemente a conciencia de estar vivo, con tonalidades frías, duras, ríxidas, de formas puras e profundas .
Finalizando o período primaveral do 2013 imos disfrutar, estudar e como non viaxar polo tempo e pola Arte deste ourensán de sangue artístico que dende fai moi pouco está entre nós co mellor legado que nos pode facer un creador… coa súa testemuña artística.











