O grupo de folk Radio Cos traerá o domingo á feira de Paiosaco da Laracha o seu último traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaCalendarioLocal
A-
A+

Paiosaco é, por excelencia, a localidade da feira na comarca de Bergantiños. Cada quince días, no primeiro e no terceiro domingo de cada mes, vense celebrando neste lugar esta actividade comercial nun evento que ten máis de dous séculos historia e ao que acoden centos de persoas.

Estas especiais características da feira de Paiosaco, así como a súa estética, concordan á perfección coa esencia do grupo galego de música folk chamado Radio Cos, que desde hai xa oito anos leva percorrendo escenarios de varios puntos de Galicia e de países como Inglaterra, Escocia e Bélxica, transmitindo o seu modo de entender a música tradicional da nosa comunidade.

É por iso que este domingo o grupo Radio Cos levará o seu último traballo, reflectido no seu disco publicado en abril, á feira de Paiosaco, ofrecendo un concerto musical gratuíto que poderán disfrutar todas as persoas que se acheguen ata a zona de venda dos produtos do campo (detrás do palco do recinto feiral) a partir das 13.00 horas.

Os cinco compoñentes de Radio Cos son Xurxo Fernandes (vogalista e percusionista), Quique Peón (tamén vogalista e percusionista), Pedro Lamas (gaiteiro e saxofonista), Xan Pampín (acordeonista) e Nikolay Velikov (violista con experiencia na Orquesta Sinfónica de Galicia), persoas de ampla experiencia profesional tanto na ensinanza da música como sendo membros de importantes grupos folk do panorama galego.

Os seu obxectivos coa presenza en Paiosaco este domingo son “dar aínda un pouco máis de valor á feira” e “botar un baile con todas as persoas que o desexen”.

Durante a xornada teñen previsto, ademais, realizar a gravación dun vídeo promocional.

14 de xuño de 2013 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.