O Goberno municipal redobrará os seus esforzos para que continúe a evolución positiva en materia de emprego na cidade
O Voceiro municipal, Julio Flores, valorou hoxe de forma positiva a evolución dos datos de emprego. “Hai moi boas noticias sobre emprego en España, en Galicia e na Coruña. A nosa cidade segue sendo a que mellor resiste os embates da crise económica en Galicia”, sinalou e continuou: “A día de hoxe hai 539 persoas máis traballando na nosa cidade dende o mes de xaneiro e iso é unha boa noticia”.
Flores sinalou que esta evolución insufla ánimos para que todas as partes implicadas sigan traballando na xeración de emprego. “Representantes sindicais, empresarios e administracións públicas, temos que redobrar esforzos para que continúe esta evolución positiva”, sinalou. “Dende o Concello -continuou- imos seguir desenvolvendo todos os proxectos que acheguen o seu granito de area para mellorar as posibilidades de xerar emprego. Seguiremos impulsando o Pacto Local polo Emprego, o Plan de Comercio e o Plan de Turismo; os importantes investimentos que se están a producir dende todas as administracións públicas na cidade e a súa bisbarra que son unha fonte importante de xeración de emprego; a aposta por incrementar o gasto social; os investimentos en rehabilitación; ou a potenciación dos programas de ocio e cultura como fonte de emprego para moitas persoas”.
Os datos do mes de maio reflicten un descenso histórico en España, con 98.265 parados menos (-1,97%), 6.573 en Galicia (-2,26%), 1.930 na provincia (-1,69%) e 383 na nosa cidade (-1,57%). “Isto únese a que a taxa de paro na nosa cidade no primeiro trimestre de 2013 (16,9%) segue estando moi por debaixo da taxa de Galicia (21,3%) e de España (26,02%) “, indicou.











