O goberno municipal finaliza a rolda informativa polas parroquias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNigrán
A-
A+
Reunión do PXOM en Panxón

Reunión do PXOM en Panxón

O rexedor municipal, Alberto Valverde, finalizou no día de onte as reunións informativas do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que o levaron a percorrer en catro días as sete parroquias do municipio. “O balance non pode ser máis positivo, xa que tivemos a oportunidade de achegar o plan e o seu contido aos veciños, e constatamos que, en liñas xerais, foi ben recibido”.

Neste sentido, Valverde lamenta a actitude de determinados grupos políticos, que tanto nas propias reunións, como agora, que de forma case clandestina están malinformando a determinados colectivos e particulares sobre o documento, como a través dos medios de comunicación están a intentar xerar desconfianza en torno a un documento que sentará as bases do crecemento ordenado e sostible do municipio. “Politizar o PGOM é a peor decisión que se pode tomar, xa que intentando revivir os lamentables acontecementos de 2006, único obxectivo dalgúns dos grupos da oposición, se corre o risco de hipotecar o futuro de Nigrán e dos seus veciños,”.

Neste sentido, rexeita a formulación dos grupos da oposición de “aprobación express” do documento e de falta de transparencia. En relación á primeira acusación, alega que a súa única urxencia é dar a Nigrán un plan urbanístico axeitado para un crecemento ordenado, sostible e respectuoso co medio e a normativa vixente”.

No relativo á falta de transparencia reitera. “A celebración destas roldas informativas, realizada por iniciativa particular do goberno, a entrega do documento en soporte dixital aos membros do Conselo Sectorial, a posibilidade de descargar o documento a través da páxina Web ou o Facebook municipal, así como o compromiso adquirido cos veciños de poñer a disposición todos os recursos municipais para aclarar dúbidas relativas ao PGOM ou para asesorar, son probas máis que evidente de que as devanditas acusacións responden a intereses políticos, non á realidade”.

“É imposible ter máis disposición á transparencia e á normalidade que a que está a ter o goberno municipal”, asevera Valverde, “quizais se empregasen o tempo en estudar e analizar o documento e non en intentar boicotear a súa aprobación inicial daríanse conta de que este documento é sinónimo de crecemento e desenvolvemento para Nigrán e os seus veciños”.

Obxectivos

Tal e como o alcalde esgrimiu nas reunións informativas, o documento conta con tres argumentos destacados en torno aos cales se desenvolveu o documento. En primeiro lugar a actualización da normativa urbanística á lexislación actual (as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), a LOUGA e o Plan de Ordenación do Litoral (POL). “Na actualidade, Nigrán réxese polas Normas Subsidiarias de 1991, unha lexislación urbanística obsoleta, que imposibilita o crecemento e a ordenación do territorio, dificultando ademais a emisión de licenzas e permisos urbanísticos,” observa.

En segundo lugar, a imperativa necesidade de ordenar o crecemento do municipio, especialmente nas parroquias do interior, e plasmar a realidade dun municipio no documento. Para dar solución á gran dispersión de vivendas que rexistra Nigrán, o documento formula o desenvolvemento dos núcleos rurais das parroquias do interior, “estirándoos ao máximo dentro dunha normativa vixente moi restritiva, e atendendo á consolidación e á antigüidade das vivendas como parámetros”.

Por último, o Plan Xeral propón a creación dun centro urbano na parroquia de Nigrán -no ámbito do concello- que actúe como punto vertebrador dos principais servizos e infraestruturas. Neste sentido, o documento contempla tamén mellorar e completar a dotación de equipamentos públicos e infraestruturas en Nigrán.

Clasificación do chan

Segundo a normativa vixente, o municipio conta cuns tres millóns de metros cadrados de chan de núcleo rural. A aprobación do documento dotará a Nigrán de algo máis de 7 millóns de metros cadrados de chan de núcleo rural, incrementando este tipo de chan en máis de 4 millóns. “Este aumento no chan de núcleo rural mellorará a planificación urbanística, especialmente nas parroquias do interior, dando opción a resolver os problemas de moitas familias do municipio, ao tempo que permitirá un crecemento sostible e ordenado de Nigrán”, subliña.

Analizando estes datos por parroquias, destaca o incremento de chan de núcleo rural respecto á clasificación de chan das Normas Subsidiarias en Parada, Panxón e Camos, cun 132%, un 90% e un 85% respectivamente, neste último caso superando os 535.000 metros cadrados de chan de núcleo rural, ou o incremento nuns 90.000 metros cadrados de chan de núcleo rural adicional en Chandebrito.

Crecemento económico

Por último, Valverde subliña a importancia do momento no que se encontra Nigrán. “A aprobación inicial do plan significará a oficialización dun proceso que impulsará a actividade económica do municipio, permitirá a creación de postos de traballo e unha reactivación da economía local, cuestións fundamentais para calquera municipio, pero especialmente urxentes e necesarias nos tempos que estamos a vivir”, conclúe.

8 de xuño de 2013 | 22:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.