O goberno municipal de Ferrol licita o servizo de catering e de monitor dos comedores escolares
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ferrol, reunida hoxe, aprobou aprobar o proceso de contratación do servizo de catering e do persoal monitor/coidador de comedor escolar para os Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) do Concello de Ferrol. A Concellería de Educación, que dirixe Susana Martínez Galdós, destinará a dita contratación un importe máximo de 105.082,86 euros (10% de IVE engadido) para o curso escolar 2013-2014.
Así as cousas, os custes por menú (incluído o persoal, o material, os seguros e as comidas) por persoa e día son de 5 euros os xantares e de 2,5 euros os almorzos. Deste xeito, os prezos para o vindeiro curso seguirán sendo os mesmos, e continuará o programa de becas para os escolares de centros públicos e concertados da cidade promovido pola Concellería de Benestar Social. Así, no curso 2012-2013 Benestar concedeu un total de 350 becas para comedor (124 a escolares matriculados en centros concertados e 226 en centros públicos). Nestas axudas non houbo lista de espera e o investimento municipal nas mesmas ascendeu a un total de 144.702,27 euros. Así mesmo, outorgáronse ás familias de Ferrol outras 648 axudas para a compra de material escolar e de libros de texto.
Ferrol conta con servizo de comedor en oito centros, e na súa xestión colaboran o Concello de Ferrol e a Xunta de Galicia. A achega da Concellería de Educación a este servizo permite a mellora do mesmo, incluíndo ademais do almorzo e o xantar un sistema de hamacas para que os máis pequenos poidan descansar despois de comer.
Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde á contratación do Programa para o Fomento do Cooperativismo no Medio Rural e da segunda edición da acción formativa sobre Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións. O primeiro dos programas depende da Concellería de Igualdade, que dirixe Verónica Casal Míguez, e do seu desenvolvemento ocuparase a licitadora Patricia Fraga Hermida. O obxectivo deste plan de Igualdade, que conta cun orzamento de 37.330 euros, é o impulso de iniciativas económicas e do asociacionismo entre as mulleres que residen no entorno rural do municipio. No que atinxe ao curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións, este forma parte do programa “Ferrol, punto de Emprego” posto en marcha pola área de Emprego que dirixe Martina Aneiros Barros. Trátase da segunda edición deste itinerario formativo de cuxo desenvolvemento encargarase a entidade Instituto de Formación y Estudios Sociales (IFES) por un importe de 19.990 euros.











