O goberno municipal de Ferrol instalará máis de 560 novas papeleiras
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, deu a coñecer hoxe a nova iniciativa do Goberno Municipal encamiñada a atender o día a día da cidadanía, cubrir as necesidades inmediatas da cidade e mellorar a imaxe da mesma. Neste caso trátase de dotar ao municipio de 567 novas papeleiras, con especial atención ao conxunto histórico formado por A Magdalena e Ferrol Vello, e a puntos da cidade como os paseos marítimos. A mellora deste servizo de papeleiras foi aprobada esta mañá en Xunta de Goberno Local.
Do total das novas unidades, 176 correspóndense cun modelo novo deseñado específicamente para o casco antigo da cidade e acorde cos criterios de Patrimonio. Este modelo inclúe, a modo de identificación, o logotipo do barrio da Magdalena: unha representación da súa trama urbana ou “tableta” de chocolate. Ademais, dotarase ao centro de Ferrol de 8 dispensadores de bolsas hixiénicas para cans, que terán un deseño similar ao das novas papeleiras; e substituiránse os colectores de quita e pon por outros más acordes ao conxunto histórico. O resto das unidades, 383, instalaranse en diferentes puntos do municipio; e destas, un total de 23 levarán incorporado dispensador de bolsas para a recollida de excrementos de cans. O plan non soamente contempla dotar a cidade de 567 novas papeleiras senón que tamén suporá a reubicación de 900 unidades, que se fará atendendo os criterios técnicos da empresa concesionaria do servizo de limpeza –Urbaser- e de tal xeito que “cada barrio conte con máis papaleiras que agora e que os veciños e veciñas teñan máis preto que agora unha papeleira”, apuntou Rey Varela.
Por último, o rexedor municipal sinalou que outro dos obxectivos deste plan é homoxeneizar progresivamente o modelos de papeleiras existentes na cidade, xa que na actualidade conviven no termo municipal até 20 modelos diferentes. Rey Varela. agradeceu o esforzo de Urbaser para a elaboración e execución deste programa, que non ten custe algún a maiores para a cidadanía posto que forma parte do plan xeral de actuacións da concesionaria. A previsión é que as novas papeleiras estean instaladas de cara ao verán, a finais do vindeiro mes de xullo.
Praza de Sartaña
Acompañado da voceira do Goberno Municipal, Martina Aneiros Barros; e dos concelleiros de Urbanismo, Servizos e Economía –Guillermo Evia Pérez, Borja Carro Muñoz e Alejandro Langtry Caínzos, respectivamente-, o alcalde informou dos outros asuntos máis destacados aprobados esta mañá en Xunta de Goberno Local. Un deles foi a adxudicación do proxecto básico e de execución para a reurbanización da praza de Sartaña, unha intervención que responde ao compromiso asumido coa veciñanza do barrio de Ultramar.
Así as cousas, a UTE Romero Arquitectura y Urbanismo encargarase da redacción deste proxecto por un importe de 28.435 euros (21% de IVE incluido). A redacción do proxecto para a posta en valor e dignificación deste espazo público levarase a cabo en contacto cos representantes veciñais. O investimento previsto polo Goberno Municipal para a reurbanización deste contorno ascende a 300.000 euros.
Ademais, e continuando no ámbito de Obras, o executivo de Rey Varela deu luz verde hoxe a licitación das actuacións incluidas no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña corresponden a presente anualidade (POS-2013). Estas son: o aglomerado da estrada O Pico-Leixa-O Seixo, por un importe base de 74.056,15 euros (21% de IVE incluido); a mellora da rúa Fernando Fernández Bastida –situada en Serantes-, por un montante de 79.483,70 euros (21% de IVE incluido); e a reposición de cubertas en Recimil –en concreto nos edificios situados na estrada de Castela números 12, 14 e 16-, cun orzamento de licitación de case 200.000 euros (21% de IVE incluído).
Plan de Oportunidades, Urban e Proxecto Esmelle
Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno Local aprobou licitar o contrato do servizo municipal de Comedores Sénior, que forma parte do Plan de Oportunidades. O orzamento base para esta anualidade e a seguinte ascende a un total de 178.280 euros, e esta contía inclúe a xestión e mantemento dos dous novos comedores que abrirá a Concellería de Benestar Social en Esteiro e San Pablo de Catabois.
Tamén foi adiante a adxudicación do Plan de Captación de Oferta Comercial e Empresarial para a implantación de novas actividades económicas no ámbito da zona Urban, do que se encargará a empresa “Auren Consultores BIO, S.A”. Ao respecto, o titular de Economía, Alejandro Langtry explicou que o contrato é por dous anos e que a empresa cobrará por obxectivos conseguidos, en función do tipo de negocio e postos de traballo que xenere o seu asentamento na cidade. O prezo a abonar á devandita consultoría oscila entre os 2.000 euros, cando o inversor provén de Ferrol ou comarca e crea un posto de traballo, até os 4.500 euros por cada novo negocio implantado cando o empresario investidor provén de fora da comarca e supón a creación de alomenos catro empregos. O importe inicial que, a través dos fondos europeos do Urban, o Concello de Ferrol destina a este servizo ascende a 46.736,25 euros (incluído o 21% de IVE).
Por último, e recollendo o compromiso que asumiu o alcalde Jose Manuel Rey Varela o pasado venres durante a visita a Esmelle con motivo do Plan de Barrios, a Xunta de Goberno Local deu luz verde hoxe a un convenio de colaboración coa Asociación de Veciños Val de Esmelle para a recuperación dos muíños desta parroquia do rural. O importe deste convenio ascende a 6.000 euros, e enmárcase no Proxecto Esmelle para a posta en valor do patrimonio material e inmaterial deste contorno do rural.











