O Goberno Municipal da Coruña colabora nunha campaña para evitar o consumo de alcohol entre os condutores

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► A Coruña ► Local ▼
A-
A+

A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, asistiu esta mañá no Cantón Grande á presentación da campaña La Carretera te pide SEN, organizada pola asociación Cerveceros de España e na que colabora o Concello e a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) para concienciar os condutores de que a consumición de bebidas alcohólicas e a condución son incompatibles.

“Esta campaña vén á cidade coincidindo co inicio do bo tempo, que trae consigo máis saídas e desprazamentos. Dende o Concello traballamos de xeito permanente para erradicar condutas contrarias á seguridade vial, como pode ser a inxestión de alcohol. A campaña La Carretera pídeche SEN reforza unha filosofía de traballo na que estamos comprometidos”, afirmou a responsable municipal de Tráfico, quen recordou as accións conxuntas que desenvolve coa DGT para sensibilizar á sociedade sobre a importancia de respectar as normas de circulación e de seguridade vial.

“Este tipo de campañas son un investimento de presente e de futuro, temos que facer un chamamento á condución responsable, á prudencia e á responsabilidade e compromiso de todos coa seguridade vial e co respecto ás normas de tráfico. A seguridade vial é un obxectivo firme deste Goberno local, pero tamén é certo que estamos ante unha responsabilidade colectiva”, afirmou a concelleira.

A campaña chega á cidade, pois é unha das paradas dunha xira que empezou en Madrid, Granada, Zaragoza, Barcelona e Sevilla e que, tras o seu paso pola Coruña, se trasladará a Las Palmas de Gran Canaria. Un autobús con xogos interactivos, paneis informativos e material divulgativo poderase visitar dende hoxe e ata o próximo sábado, 29 de xuño, xunto ao Obelisco, no Cantón Grande.

MEDIDAS PREVENTIVAS

A concelleira de Tráfico e Mobilidade resaltou a importancia de colaborar con este tipo de iniciativas que redundan nunha maior sensibilización dos cidadáns. Neste sentido, Begoña Freire recordou as campañas organizadas polo Concello, así como das medidas preventivas de control do tráfico da Policía Local.

Freire defendeu que se produciu un cambio na concienciación social, sendo cada máis habitual que os cidadáns mostren a súa repulsa ante comportamentos de condutores que desprezan a súa propia seguridade e a do resto dos usuarios da vía, pero tamén é necesario seguir avanzando nun mellor control dos comportamentos de risco mediante medidas de prevención e formación: “Debemos concienciarnos de que non paga a pena asumir o risco”, sinalou a concelleiro.

A maior concienciación dos cidadáns e o aumento das medidas de prevención impulsadas pola Policía Local permitiron a redución do número de accidentes nun 6,5% (748 en 2012 fronte a 800 en 2011). Nestes accidentes víronse implicadas 1.844 persoas, un 2,5% menos que en 2011. En 2012 tamén se denunciaron 676 alcoholemias positivas, das que o 82,5% se detectou en controis preventivos e un 17,5% en probas tras un accidente de tráfico. Do total de accidentes de tráfico en 2012 na cidade, as alcoholemias positivas sitúanse como a cuarta causa, por diante a falta de atención e a desobediencia aos sinais de tráfico.

Begoña Freire alertou de que, mesmo con taxas de alcoholemia dentro das marxes legais permitidas, o nivel de risco de accidente de tráfico pode verse incrementado: “Aínda que nos creamos en pleno uso das nosas facultades físicas e mentais coa inxestión de alcohol, estamos a multiplicar o risco de sufrir un accidente. A inxestión de alcohol provoca unha diminución das habilidades para conducir (aumento do tempo de reacción, graves problemas de percepción das distancias, atención, control e coordinación, subestímase a velocidade ou problemas de visión especialmente na condución nocturna). Tamén é importante recordar que non todas as persoas reaccionan igual ante o alcohol, influíndo múltiples factores, como o peso, o sexo, ou se se inxeriron alimentos ou non”.

26 de xuño de 2013 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.