O goberno municipal convoca o pleno extraordinario para a aprobación inicial da PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNigrán
A-
A+

O goberno municipal convoca o pleno extraordinario para a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que se celebrará o venres 14 de xuño ás 10.00 horas. “Tras a aprobación inicial do documento, ábrese unha nova e fundamental etapa na configuración do documento, que é o período de exposición pública de dous meses e o proceso de alegacións”, subliña o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde.

“A aprobación inicial do PXOM dará comezo a unha nova fase dentro dun proceso moi longo e complexo, que será se cabe a máis importante para a definitiva configuración e enriquecemento do documento de ordenación urbanística”. Neste sentido, Valverde convida unha vez máis aos grupos políticos da corporación a aprobar inicialmente o documento por unanimidade, e a seguir traballando xuntos para construír o futuro do municipio.

Así mesmo, o goberno municipal porá a disposición dos veciños e interesados todos os recursos municipais dispoñibles para informar, asesorar e orientar na realización das alegacións durante o período de exposición pública.

Ante as declaracións que xa se manifestaron en distintos foros relativas a unha suposta falta de tempo para estudar o documento antes da súa aprobación inicial, o rexedor municipal lembra que “tanto os grupos políticos da corporación como os membros do Consello Sectorial coñecen o documento que levará a aprobación inicial”. O venres 14 cumpriranse 19 días desde que o goberno entregase aos membros da corporación o documento, e dez aos membros do Consello Sectorial. “Ademais, o documento que levará a aprobación inicial é o mesmo que xa teñen desde o pasado mes de outubro, adaptado aos informes sectoriais que tamén se lles fixo chegar”, sinala Valverde.

O rexedor municipal ve nestas acusacións unha nova escusa para non facer efectiva a aprobación inicial do PXOM, “unha irresponsabilidade por parte dos grupos políticos que se adscriban a esta postura, xa que están a sacrificar con ela o futuro e o crecemento ordenado e sustentable que Nigrán necesita e merece”.

Solución ás parroquias do interior

Entre os argumentos para apoiar a aprobación inicial do PXOM Valverde destaca o desenvolvemento dos núcleos rurais das parroquias do interior exposto no documento. Segundo a normativa vixente, o municipio conta cun tres millóns de metros cadrados de chan de núcleo rural. A aprobación do documento dotará a Nigrán de algo máis de 7 millóns de metros cadrados de chan de núcleo rural, incrementando este tipo de chan en máis de 4 millóns. “Este aumento no chan de núcleo rural mellorará a planificación urbanística, especialmente nas parroquias do interior, dando opción a resolver os problemas  de moitas familias do municipio, á vez que permitirá un crecemento sustentable e ordenado de Nigrán”, subliña.

Analizando estes datos por parroquias, destaca o incremento de chan de núcleo rural respecto da clasificación de chan das Normas Subsidiarias en Parada, Panxón e Camos, cun 132%, un 90% e un 85% respectivamente, neste último caso superando os 535.000 metros cadrados de chan de núcleo rural, ou o incremento nuns 90.000 metros cadrados de chan de núcleo rural adicional en Chandebrito. “O Plan Xeral é un documento pensado para as parroquias do interior”, engade.

11 de xuño de 2013 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.