O goberno municipal consolida a integración dos padroados e o Imfacofe coa aprobación das contas destes organismos correspondentes ao ano 2012
O concelleiro responsable da Área de Economía do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, informou hoxe en Comisión especial de Contas do peche das contas dos padroados municipais –Deportes e Música e Artes Escénicas- e do Instituto Municipal de Facenda (Imfacofe) correspondentes á anualidade de 2012. Langtry Caínzos explicou que co ditame da comisión “péchase e consolídase a integración dos padroados e o Imfacofe na estrutura organizativa da Administración ferrolá”, un proceso que o Goberno Municipal iniciou atendendo á necesidade de acometer un Plan de Axuste que devolveu a solvencia e credibilidade económica á institución local.
O titular de Economía explicou que, tras o ditame favorable da comisión, as contas destes extinguidos organismos externos do Concello permanecerán quince días en exposición pública para a presentación de alegacións; para posteriormente resolver aquelas que se poidan presentar e aprobar definitivamente o documento económico. Ademais, Langtry Caínzos destacou que a integración dos padroados e de Imfacofe na organización do Concello “ademais de rematar co que poderíamos chamar Administración paralela, co que conseguimos simplificar os procesos e tramitacións, supuxo un aforro no exercicio 2012 de ao redor de 200.000 euros”.











