O Goberno local pon en marcha o seu programa de posta a punto de Centros Cívicos Municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O titular de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, presentou esta mañá as actuacións que a súa Concellaría puxo en marcha nos Centros Cívicos Municipais dentro dun programa inédito de posta a punto de equipamentos sociais.

“Hai dous anos tivemos que realizar unha análise exhaustiva sobre o estado dos nosos Centros Cívicos e o diagnóstico foi desolador porque durante anos faltou un programa claro de mantemento e obras básicas e agora estamos a sufrir as consecuencias. Por este motivo, temos a necesidade de abordar nos próximos anos un programa claro e díese de mantemento dos equipamentos municipais, dado o grao de deterioración propiciada pola pésima xestión de anteriores Gobernos municipais”, explicou o concelleiro.

En concreto, Miguel Lorenzo, detallou os principais problemas que se detectaron nos Centros Cívicos Municipais:

– Centros non rematados, pero inaugurados e en uso. É o caso, por exemplo de Eirís e Novo Mesoiro que se inauguraron sen urbanizar as zonas nas que foron construídos.

– Centros recentes, que en período de garantía presentan fallos e non se reclamaron no seu momento. O Centro de Novo Mesoiro conta dende o principio con problemas cubertos polo seguro decenal sobre a estrutura do edificio pero que nunca foi reclamado. O Centro Dos rosales, malia ter unha antigüidade de cinco anos, presenta deficiencias cuxa emenda non se abordara antes, e que agora se fará cun investimento de 300.000 euros.

– Actuacións tecnicamente reprobables. É o caso do Centro Cívico Dos mallos onde se instalaron equipos de climatización rompendo o material illante da cuberta sen que se tivese reclamado á empresa responsable e perdendo, co tempo, a cobertura do seguro. Como consecuencia de todo iso, no devandito centro -literalmente- chove dentro, destacou.

– Escaso ou nulo mantemento.

– Deficiencias no campo da eficiencia enerxética. Abordaranse este tipo de traballos nunca antes tidos en conta polas consecuencias inmediatas que terán no presuposto de mantemento e operación destes. Por exemplo, mellorando o rendemento das instalacións de climatización e calefacción.

Ante a falta dun programa axeitado de posta a punto das instalacións cívicas, puxemos en marcha un completo programa que durante tres anos resolverá a totalidade dos graves fallos estruturais destes, anunciou o concelleiro que detallou algunhas das obras que xa se puxeron en marcha nalgúns equipamentos ou están en proceso de adxudicación. Outras están en formulación do proxecto construtivo.

“En Palavea empezan no mes de xullo as obras de reparación da cuberta de e reforma interior, con novos aproveitamentos do espazo. Nos mallos xa arrancaron os traballos de arranxo da cuberta. En San Pedro de Visma comezarán en xullo tamén varias obras, que inclúen a emenda de gretas e humedades e, no mesmo mes, no Centro do Castrillón e no de Información da Muller se reparará tamén a cuberta,” detallou Miguel Lorenzo que engadiu: “Ademais, levarase a cabo a execución dun proxecto de reforma do Centro Cívico Dos rosales por numerosas carencias e problemas -cuxo presuposto definitivo estará en torno aos 300.000 euros-, no Centro Cívico Veciñas de Mariñeiros abordarase a reforma da cuberta, cun investimento duns 40.000 €, no Centro Municipal de Monte Alto reformarase a entrada e adecuará o centro para albergar novas instalacións e servizos e nunha semana urbanizarase o ámbito do de Eirís, ao tempo que se concluirá a urbanización do perímetro de Novo Mesoiro. Infinidade de obras que agora se poñen en marcha despois dun longo proceso de tramitación e licitación”.

Miguel Lorenzo tamén recordou a importante dotación económica coa que conta o programa de mantemento dos Centros Cívicos Municipais: “O investimento xa autorizado e tramitado para este ano 2013 ascende a máis de 670.000 euros, a máis alta dende 2004. Pero hai máis: Outro millón de euros, con cofinanciamento europeo de Urbana C, destinarase á posta en marcha do Centro Novo Boandanza-Centro Social, Comedor Social e Centro de Día-, e todo iso sen sumar as anteditas actuacións de Roseiras ou Mariñeiros”, explicou.

Miguel Lorenzo tamén matizou que “ningún Goberno anterior estivo á altura das cifras que hoxe presenta o Goberno local”. De feito, entre os anos 2004 -2007, anos de Goberno socialista, o investimento media anual -exceptuando nova construción e proxectos singulares- foi de 121.000 euros; co bipartito foi de 349.000; e agora é de 524.800. Analizando o investimento centro por centro tamén mantense esta tendencia.

“Este compromiso é outra mostra da aposta deste Goberno municipal polos Centros Cívicos, cuxa xestión implica ás persoas e aos temas que nos interesan, que son o primeiro lugar de consulta de moitos veciños, o seu punto de encontro e de ocio. Por este motivo a Concellaría de Servizos Sociais destina 735.000 euros só para actividades socioculturais e mantén a súa aposta polos campamentos infantís con 240.000 euros”, concluíu.

5 de xuño de 2013 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.