O Goberno local empeza o luns a renovación das beirarrúas da avenida de Arteixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, presentou esta mañá o proxecto de renovación das beirarrúas da avenida de Arteixo, no tramo entre Juan Flórez e a rúa Uruguai, á altura do Pazo da Ópera. Esta obra, que empezará a executarse o próximo luns, 1 de xullo, se enmarca dentro da proposta do Concello de mellorar os espazos públicos da cidade para poñelos ao servizo dos cidadáns e, ao mesmo tempo, garantirá unha mellora na mobilidade peonil e na accesibilidade e un aforro económico futuro en traballos de mantemento e conservación.

Fernández Prado anunciou que as obras de reposición de beirarrúas neste primeiro tramo da avenida de Arteixo comezarán o 1 de xullo e forman parte do contrato de mantemento e recuperación de áreas peonís e que supón un investimento de 2,55 millóns de euros para 2013, un 6,7% máis que ao inicio do mandato. No caso concreto da avenida de Arteixo, que ten un prazo de execución aproximado de tres meses, o presuposto da obra ascende a 210.107 euros.

O novo proxecto do departamento de Infraestructuras permitirá unha renovación integral das beirarrúas nun tramo da avenida de Arteixo con alta densidade de peóns, dentro da aposta do Goberno municipal de ofrecer unha imaxe máis homoxénea da cidade, tanto a nivel estético como funcional:

– Demolición do pavimento de terrazo existente e reposición do pavimento con baldosas de formigón de 15 centímetros de espesor. Renovaranse 1.725 metros cadrados de beirarrúas.

– Demolición dos bordos existentes e reposición de 447 metros cadrados de bordo de granito.

– Canalización de catro tubos de PVC. En total, instalaranse 463 metros de canalizacións. Ademais, colocaranse 57 metros de colectores para completar a rede de pluviais.

– Recollida de catro baixantes de pluviais.

– Colocación de 25 arquetas, así como a formación de gabias.

PLAN INTEGRAL

O tenente de alcalde de Medio defendeu que este proxecto é un exemplo do interese do Concello por favorecer a mobilidade dos peóns e garantir o uso e desfrute dos cidadáns. Neste sentido, ao contrato de mantemento de beirarrúas, o Goberno municipal suma agora a primeira fase do Plan de Accesibilidade, iniciada en febreiro no barrio Dos rosales.
Este proxecto da Concellaría de Infraestruturas inclúe a execución dun total de 260 obras e alcanza un investimento de 410.000 euros.

A maior parte dos traballos, de acordo a un estudo previo elaborado polos propios técnicos municipais, céntranse en Cidade Vella e Peixaría, con 187 actuacións, mentres que as 73 obras restantes se reparten por outros puntos da cidade, con especial atención aos barrios Dos castros e A Gaiteira (como Santa María de Oza, parque de San Diego e Xeneral Sanjurjo), Monte Alto (como a praza de San José e as rúas Curros Enríquez, da Torre, Independencia e Santa Teresa) e Os Rosales (como as rúas Emilio González López e Alfonso Rodríguez Castelao).

As obras da primeira fase do Plan de Accesibilidade impulsadas polo departamento que dirixe Martín Fernández Prado centraranse na ampliación de beirarrúas, eliminación de elementos urbanos que se converteron en obstáculos, supresión de chanzos en zonas peonís, mellora de cotas e pendentes, e eliminación e creación de novos vaos e pasos de peóns.

27 de xuño de 2013 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.