O Goberno local destaca que o PEPRI respecta a protección do patrimonio e o carácter económico e comercial do ámbito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O tenente de alcalde de Territorio, Infraestruturas e Medio, Martín Fernández Prado, acompañado polo equipo redactor do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Casco Histórico, As Atochas, Peixaría e Orzán, e técnicos da Concellaría de Urbanismo, mantivo unha reunión co presidente Marcelo Castro Rial e representantes da Cámara de Comercio, para informarlles dos principais asuntos do documento e escoitar, de primeira man, as súas inquietudes e suxestións.

Unha das singularidades ás que Fernández Prado lle dedicou especial atención foi á necesidade abordar de abordar unha mellora da accesibilidade da zona, xa que 688 edificios non teñen ascensor, un total de 2.500 vivendas. O tenente de alcalde de Territorio, Infraestruturas e Medio referiuse, ademais, á importante densidade comercial que engloba a Cidade Vella e Peixaría e que alcanza os 2.800 locais comerciais, 1.100 en planta baixa: “É realmente o centro de negocios e de actividade máis importante de toda Galicia”. Neste sentido, subliñou que o PEPRI compaxinará á perfección a singularidade patrimonial do ámbito co seu carácter de centro económico e comercial.

Un dos temas polos que os representantes da Cámara mostraron especial interese foi pola mobilidade da Cidade Vella. Neste sentido, Fernández Prado referiuse ao Plan de Mobilidade Urbana Sostible, o primeiro plan de mobilidade da historia da cidade, no que xa se empezou a traballar e que mellorará considerablemente a accesibilidade, a competitividade das vías e a calidade de vida dos coruñeses.

O obxectivo destes encontros é o de escoitar as achegas dos cidadáns e colectivos profesionais para tratar de mellorar un documento que está en proceso de tramitación, debate e discusión. Durante as próximas semanas, o concelleiro e o equipo redactor do PEPRI seguirán mantendo este tipo de encontros.

29 de xuño de 2013 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.