O Goberno local, a través do PEPRI, acometerá a modernización de infraestruturas e servizos da cidade histórica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O tenente de alcalde de Territorio, Infraestruturas e Medio, Martín Fernández Prado, acompañado polo equipo redactor do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Casco Histórico, As Atochas, Peixaría e Orzán, e técnicos da Concellaría de Urbanismo, mantivo unha reunión con representantes do Colexio de Camiños, Canles e Portos para informalos dos principais asuntos do documento e escoitar, de primeira man, as súas inquietudes e suxestións.

Tal e como explicou o concelleiro, esta revisión do PEPRI persegue non só o mantemento, conservación e recuperación do patrimonio do ámbito, senón que vai máis alá e formula unha serie de propostas para mellorar e dignificar os espazos públicos, favorecer a mobilidade e accesibilidade, e convértese, ademais, na plataforma que permitirá unha modernización de infraestruturas e, polo tanto, a mellora do nivel de urbanización do barrio. Neste sentido, Fernández Prado chamou a atención sobre o feito de que a Cidade Vella foi a grande esquecida dos últimos 8 anos, período no que non se investiu na mellora dos seus espazos públicos.

O concelleiro avanzou que se están a estudar unha serie de actuacións que permitan renovar as infraestruturas e servizos deste barrio para que entre no século XXI, respectando a tradición e historia dos seus elementos, pavimentos e materiais. Os asistentes á reunión, pola súa banda, formularon as súas dúbidas e ofrecéronse a colaborar co Concello da Coruña para facelo chegar as súas suxestións.

O obxectivo destes encontros é o de escoitar as achegas dos cidadáns e colectivos profesionais para tratar de mellorar un documento que está en proceso de tramitación, debate e discusión. Durante as próximas semanas, o concelleiro e o equipo redactor do PEPRI seguirán mantendo este tipo de encontros.

Esta iniciativa é unha clara aposta do Goberno local pola transparencia do documento e o seu proceso de redacción e aprobación, así como por fomentar a participación e implicación dos veciños na súa elaboración. Súmase a outras medidas que perseguen este mesmo obxectivo como a notificación individualizada da aprobación inicial do documento aos 12.000 veciños; a exposición pública que se puido visitar, nos últimos meses, na Casa de Cultura Salvador de Madariaga; a web www.coruna.es/urbanismo; e a formación dun equipo de traballo que, cita previa, atenderá persoalmente a cada comunidade de veciños ou propietario que demande información.

8 de xuño de 2013 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.