O goberno de Ferrol manifesta a súa satisfacción polo apoio da Xunta á continuidade da labor de Asfedro
O Goberno Municipal de Ferrol, que preside Jose Manuel Rey Varela, manifestou hoxe a súa satisfacción pola iniciativa da Xunta de Galicia de adiantar a Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro) unha achega económica de 200.000 euros que permitirá á devandita entidade continuar cos servizos que presta aos seus usuarios. Así, o primeiro edil da cidade valorou a sensibilidade amosada pola Xunta, que aprobou esta medida no Consello celebrado o xoves pasado. “Agradezo a receptividade do Executivo galego e da Consellería de Sanidade, así como a disposición que amosou dende o primeiro momento que se lle expuxo a situación de Asfedro para axudar a esta entidade ferrolá poida continuar a importante labor que vén realizando dende hai anos no ámbito da prevención e da rehabilitación social das persoas con problemas de adiccións”, apuntou Rey Varela.
Ao respecto, o alcalde de Ferrol lembrou o apoio que dende a Administración municipal se mantén con Asfedro, a través da Concellería de Benestar Social que dirixe Rosa Martínez Beceiro. Unha colaboración que neste mandato, e no que atinxe ao aspecto económico, incrementouse con respecto a anos anteriores. Así, o conxunto de achegas do Concello de Ferrol á mencionada asociación ascende na actualidade a uns 11.000 euros por exercicio fronte aos 7.400 euros correspondentes as anualidades de 2009 e 2010. A Concellería de Benestar Social ten un convenio nominativo con Asfedro que ascende a 3.000 euros ao ano; e ademais puxo en marcha xunto á entidade unha nova iniciativa que consistiu nun obradoiro ocupacional en xardinería, ao que o Executivo de Rey Varela contribuíu con 7.800 euros. Este primeiro obradoiro formativo e de inserción laboral, que ten xa garantida unha segunda edición, é un dos proxectos que están recollidos no Plan de Oportunidades que está a desenvolver o Goberno Municipal.











