O goberno de Ferrol desbloquea as obras de consolidación do noiro da Graña ao pechar a cesión dos terreos afectados
O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez, anunciou hoxe o acordo alcanzado esta semana cos propietarios de parcelas na Graña que permitirá por fin desenvolver os traballos de consolidación do noiro do paseo marítimo deste barrio. Ademais desta cuestión, Evia Pérez tamén anunciou o inicio dunha nova actuación urbanística enmarcada no Plan Urban: a reurbanización da comunicación da rúa Alonso López con Real, que conta cun orzamento de execución de 339.218,59 euros.
No que atinxe ao desbloqueo da actuación no paseo marítimo da Graña, o titular de Urbanismo destacou que “é unha boa noticia”, que hoxe puido anunciar despois de que o pasado mércores “conseguimos por fin a cesión de todos os terreos afectados para poder levar a cabo os traballos de consolidación do noiro e evitar posibles novos desprendementos de terra”. Ao respecto, Evia Pérez explicou que “tras a primeira cesión conseguida o pasado verán, agora firmaron as actas de cesión os outros cinco titulares de parcelas afectadas pola actuación proxectada”.
Así as cousas, o seguinte paso é a adxudicación e licitación dos traballos, cuestión da que se está ocupando a Autoridade Portuaria. O edil ferrolán lembrou que existe un convenio de colaboración que establece que o custe da intervención será asumida, practicamente a partes iguais, entre a Administración local e o Porto; e que a achega do Concello ascende a un total de 164.800 euros. Ademais, Evia Pérez explicou que os técnicos municipais e os portuarios estiveron traballando conxuntamente na modificación do proxecto orixinal de cesión de terreos. O actual e definitivo contempla a execución dun pequeno muro que permite reducir a necesidade de ocupación de terreos. “Se a modificación do proxecto supón un pequeno incremento no custe das obras, este o asumirá o Concello porque o que queremos é que a actuación se execute canto antes, se é posible ao remate do verán para evitar posibles novos desprendementos en inverno”, dixo Evia Pérez.
Nova actuación do Urban
Noutra orde de cousas, o concelleiro de Urbanismo deu conta do inicio dunha nova do Plan Urban que permitirá seguir coa mellora da comunicación entre a parte antiga de Canido e o conxunto histórico formado polos barrios de A Magdalena e Ferrol Vello. Nesta ocasión, trátase da reurbanización da rúa Alonso López con Real, que conta cun orzamento de execución de 339.218,59 euros e un prazo de execución de 9 meses. Os traballos, ademais da renovación do pavimento, inclúen a renovación e canalización do servizos básicos.











