O gañador e os finalistas do último Luis Ksado recalan en San Sadurniño
Ata o 16 de xuño poderá visitarse na casa da Cultura a exposición fotográfica dos últimos premios Luis Ksado que convoca a Deputación da Coruña. Trátase dunha mostra itinerante que recolle o traballo de dez profesionais ao redor de distintas temáticas e a través tamén de distintos enfoques da realidade, desde o fotoxornalismo á fotografía artística e experimental.
A exposición está aberta ao público no recibidor da casa da Cultura e compóñena arredor de medio cento de instantáneas captadas por unha decena de fotógrafos, nove deles finalistas dos premios e un gañador. Nesta edición foi Amador Lorenzo coa súa serie “Tudo isto e fado”. Doce imaxes inspiradas na canción de Amalia Rodrigues captadas ao longo de tres anos en Portugal coas que o autor quixo reflectir “o sentimento de saudade” do pobo portugués, tan parecido á morriña galega.
Canda as súas, as imaxes dos finalistas dun concurso ao que se presentaron 170 fotógrafos. Así, podemos atopar -entre outras- capturas sobre o renacemento da vila murciana de Lorca tralo terremoto, sobre as condicións nas que viven varios nenos e nenas brasileiras nunha fábrica de chocolate abandonada, ademais dunha interesante reportaxe visual sobre a cetraría, outra centrada no “negro futuro” da minaría asturiana e, incluso, a “intimidade” da xema dun dedo.
Todas as fotografías están dispoñibles a través do Facebook do 10º Premio de fotografía Luis Ksado, aínda que compensa velas imprimidas en papel para apreciar a mestría dos seus autores e o seu ollo para conxelar atmosferas. Unha boa ocasión é esta que ofrece a casa da Cultura. Iso si, só ata o 16 de xuño.











