O galeón Illa de Cortegada tamén realizará travesías pola ría durante os meses de xullo, agosto e setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

As travesías a bordo do galeón Illa de Cortegada organizadas pola Concellería de Medio Ambiente e a asociación Rompetimóns volveron a contar este ano cunha excelente acollida por parte do público. Dado que a totalidade das 56 prazas ofertadas nas seis excursións prevista para para este mes xuño cubríronse ás poucas horas de abrirse á inscrición, o Concello e o colectivo cultural decidiron ampliar o programa aos meses de xullo, agosto e setembro. Os interesados en participar nestas singraduras en embarcación tradicional poderán inscribirse a partir do mércores, 13 de xuño. Son de balde.

As travesías celebraranse en sábado e domingo, realizándose en cada xornada unha excursión en horario de mañá, con saída ás 11 horas e outra de tarde, ás 17 horas. En cada viaxe só poderá participar un máximo de 9 persoas, xa que a capacidade do galeón é reducida. O calendario previsto establece excursións os días 6 e 21 de xullo, o 3 e 4 de agosto e o 7 e 8 de setembro. As singraduras farán un percorrido por toda a Ría de Arousa e terán unha duración aproximada de dúas horas.

O Concello, a través da Concellería de Medio Ambiente, e a asociación Cultural e Deportiva Rompetimóns organizan este tipo de travesías dende que o colectivo carrilexo recuperara a embarcación tradicional, proxecto para o que contou coa colaboración económica do Concello. O programa ten un dobre obxectivo. Por un lado, promover o coñecemento do Parque Nacional das Illas Atlánticas e das illas da Ría de Arousa que a integran, especialmente a de Cortegada; e por outro ofrecer a posibilidade de participar na experiencia de navegar a vela nunha embarcación tradicional, á evz que se divulga unha parte importante da cultura e a etnografía local, xa que os galeóns eran un tipo de embarcación moi habitual o século pasado en augas da nosa Ría.

As persoas que desexen participar nesta actividade deben anotarse na Concellería de Medio Ambiente, ben acudindo directamente á dependencia sita no entrechán do Concello ou a través de chamada telefónica ao número 986 099 200 extensión 224. O prazo ábrese o mércores 12 de xuño e pecharase tan pronto como se cubran as prazas. O número máximo de persoas que pode anotar un mesmo solicitante é de 4. Os formularios de inscrición pódense imprimir dende o taboleiro de anuncios da web municipal www.vilagarcia.es

7 de xuño de 2013 | 11:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.