O fiscal Carlos Varela adianta en Gondomar, aspectos do proxecto co que intenta combater a “corrupción sistémica”

Un instante da conferencia de Carlos Varela
Sen caer na creación de novas estruturas burocráticas, pero coa propia administración de xustiza como alicerce, nomeadamente o Consello de Contas, o fiscal Carlos Varela propón a creación dun proxecto para combater a “corrupción sistémica” a través de planes de prevención nas administracións públicas, a revisión dos instrumentos xudiciais que enlentecen os procesos e a formación cidadá. Esta última, como peza clave para desterrar estas prácticas na vida social.
O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, comezou a súa exposición na Aula de Cultura Ponte de Rosas, citando o informe da enquisa do Centro de Estudios Sociolóxicos (CIS) que sitúa a corrupción como uns dos temas máis preocupantes para a cidadanía, o segundo despois do paro. Engadiu que no ámbito internacional a percepción social da que no Estado español existe unha “corrupción sistémica preocupa”, pois está acreditada pola organización Transparencia Internacional que coloca a España no lugar Nº 30, cando hai cinco anos atrás ocupaba o 24, coa percepción, segundo o fiscal Carlos Varela, que na próxima publicación se afastará aínda máis deste posto.
Informou que desde hai tres anos a Fiscalía que dirixe fai fincapé sobre a necesidade de buscar mecanismos de control e intervención efectivos no fenómeno da corrupción. Se ben o organismo presentou iniciativas no 2011 e 2012 ante o Parlamento Galego, as mesmas non tiveron a recepción debida, matizou. Nembargante, sinalou que a” treboada” de casos de corrupción dos últimos tempos fixeron que neste ano 2013 o Parlamento de Galicia creara unha comisión de estudo sobre o tema que está a traballar nun proxecto.
A proposta que desexa impulsar o fiscal, está baseada na experiencia internacional de grupos de referencia que integran o Consello Europeo, como o GAFI (Grupo de Acción Financeiira Internacional), o GRECO (Grupo de Estados Contra a Corrupción) que ten estudado e imprementados elementos e mecanismos concretos de actuación. Salientou o caso próximo de Portugal co Consello de Prevención da Corrupción contra os casos recorrentes de delitos nesta materia.
Na súa exposición, Varela advertiu da necesidade de traballar en varios niveis para atacar o problema: Planes de prevención contra delitos de corrupción a nivel das administracións públicas; reformulación dos procesos xudiciais para axilizar a xustiza neste eido; e a formación cidadá cara a desterrar condutas permisivas no social que habilitan prácticas corruptas por parte de operadores públicos e privados.
A presentación do coloquio estivo a cargo do director do IEM, Carlos Méixome, quen salientou que dende os seus comezos, o fiscal Carlos Varela puxo o foco da fiscalía nos dereitos do cidadán. Nese senso, lembrou a labor de Varela na persecución dos delitos contra o patrimonio histórico, así como a participación clave do fiscal na mellora da protección de menores no Instituto de Discapacitados, o instituto da Mediación Familiar, a coordinación do estudo sobre os casos de incendios forestais , a posta en marcha dunha demanda colectiva pola restitución dos aforros dos estafados polas caixas galegas; así como o feito de ser un destacado impulsor da nosa lingua “nun ámbito escasamente receptivo á mesma como é o xudicial”.
“Carlos Varela converteu a Fiscalía Superior de Galicia nunha peza fundamental do funcionamento institucional desta a nosa nación”, sinalou Méixome. Engadiu que a pesar de ser formalmente unha simple delegación da Fiscalía Xeral do Estado, isto demostra “que hai unha marxe de eficacia nas institucións cando fronte delas están persoas que coñecen ben o seu país, que saben comunicar as súas iniciativas e teñen intelixencia derivada do seu profundo amor a súa terra, a seu tempo e a súa xente”, sintetizou .
O acto tivo lugar na Aula de Cultura Ponte de Rosas, sede do Instituto de Estudos Miñoranos, coa participación de máis dun centenar de persoas que seguiron a conferencia e posteriormente participaron dun coloquio con preguntas e reflexións dirixidas ao fiscal.











