O Festival PopUp de Carballo espera conectar a música, a cultura, o deporte e a natureza

Presentación do festival PopUp
Praia de Razo acolle o xoves 4, venres 5 e sábado 6 de xullo o Festival PopUp, unha cita que pretende apostar polo valor real das industrias culturais como factor dinamizador da economía, convertendo a cultura nun activo importante derivado da música, o deporte, a natureza ou o turismo. Así o expresa Verónica Negreira, integrante da asociación 13 Lagartos, organizadora deste festival que tamén espera reflectir a súa filosofía a través dos grupos que integran o cartel. Así mesmo, esta primeira edición pretende ser o alicerce e punto de partida para xerar sinerxías e proxectos culturais na comarca e en Galicia. Todas as actividades do festival até o sábado ás 20.00 horas son de balde. Nese momento é cando comeza o prato forte cos concertos que teñen como cabeza de cartel a Lori Meyers pero que contan tamén coas actuacións de Dorian, Estereotypo, The Warriors, Pull my strings e Faber Estudio 3 DJs. O xoves 4 e o venres 5 o público pode asistir á carpa, que estará situada no campo de fútbol de Razo, ás actuacións de Igloo, Disco Mordisco e Anton DJ o primeiro día; e de Grises, Grotèsque e Kill the Hipsters o venres. Para a cita do sábado as entradas xa están á venda a través de <www.ticketea.com>. A compra anticipada custa 15 euros, mentres que no despacho de billetes do propio festival o prezo é de 18 euros. O festival compleméntase co deporte, con posibilidades como volei praia, balonmán na praia ou surf. No primeiro caso, a Escola de Voleibol Xiria colabora na creación dun campionato de volei praia, o I Torneo PopUp (5 e 6 de xullo) no que “intentaremos conseguir as mellores parellas de Galicia”, segundo o organizador Rosalino Mariño. Está previsto que haxa premios en metálico por importe de 1.000 euros, ademais de trofeos para os primeiros clasificados en categorías masculina e feminina senior, coa competición artellada arredor de dous grupos de 16 equipos cada un. No caso do balonmán, a Escola Balonmán Xiria é a encargada de crear este torneo con 900 euros en premios, tamén os días 5 e 6 de xullo, contando con arredor de 15 equipos, segundo explica Marcos Seijido, das Escolas Xiria. Cada equipo terá unha cota de inscrición de 100 euros e a proba está incluída no calendario da Federación Galega de Balonmán Praia. Por último, o apartado de surf conta coa colaboración da Federación Galega. O presidente, Jose Rodríguez, subliñou a boa sintonía que existe entre os festivais e o surf e espera que as ondas non fallen os días da proba, puntuable para o circuíto galego. Así, o 5 e 6 de xullo visitarán o areal os mellores surfistas galegos de todas as idades. Colaboran coa cita Art Surf Camp e Teiron.
Por último, hai que subliñar que o festival contará coa colaboración de Cruz Vermella. Laura de la Cruz, representante da ONG, explicou que a entidade aproveitará a oportunidade para captar voluntarios e voluntarias, e dar a coñecer o seu labor, “demostrando que Carballo é solidario, sobre todo entre a mocidade”. Outros detalles que a organización quere mencionar son que está previsto que arredor da zona do festival haxa un espazo dispoñible para contar con ata tres días de acampada, ademais de que se habilitará unha zona chill out para que os festivaleiros poidan relaxarse e tomar algo. A cita conta coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello de Carballo e Carballo Deporte. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou a importancia do festival como un xeito de “poñer a Carballo no mapa dos grandes eventos musicais galegos”, e quixo transmitir os seus parabéns á organización por “apostar por Razo e por Carballo”. Por último, desexou que esta primeira edición sexa a primeira “dunha longa, longa listaxe de eventos PopUp”.











