O festival “a mocidade coa lingua” acollerá a rapaces de diferentes centros educativos da comarca de Ferrolterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A nova edición do Festival A Mocidade coa lingua terá lugar mañá, día 19 de xuño, a partir das 10:30 horas no pavillón do CEIP Esteiro. A celebración forma parte do convenio de colaboración asinado polo Concello de Ferrol coa Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística.

O obxectivo desta iniciativa é que a mocidade dos centros educativos de Ferrol e da comarca poñan de manifesto a súa capacidade creativa a través da lingua galega e a procura dunha situación de normalidade para unha lingua minorizada coma a nosa. Esta edición conta coa presenza da campaña Gústame, unha actividade de fomento da lingua coa que se fará visible o apoio individual de todos os participantes ao proceso de normalización lingüística a través de fotos con frases suxestivas sobre o uso do galego en diversas situacións.

A participación dos rapaces e rapazas, principais destinatarios desta iniciativa pero non os únicos, comezou no inicio do curso coa fase intercentros cara á selección dos grupos para o festival. Cada grupo ou solista participante deberá interpretar dúas pezas musicais orixinais, destas, unha deberá ser de autoría propia e outra un poema musicado dun o dunha poeta galego/a. Este ano, o alumnado para participar no Festival A Mocidade coa lingua son os seguintes: Toxos Bravos do IES Fernando Esquío, Rapatios do CPI Atios, e Far Away Place do IES Concepción Arenal. Ademais, as actuacións dos alumnos e alumnas complementarase coa do grupo Cempés.

18 de xuño de 2013 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.