O espazo municipal Coeduca en Ourense amplía o seu horario e actividades nos meses de verán
O Concello de Ourense pon a disposición das familias e os seus fillos e fillas (ata 12 anos) o espazo Coeduca durante os meses de verán. As actividades serán os luns, mércores e venres pola mañá, de 11.00h a 13.00h, os martes de 19.00h a 20.00h, masaxes en familia e dous xoves ao mes, de 18.30h a 20h, o espazo compartido en familia. No mes de xuño haberá obradoiros de formación en igualdade a persoas que traballan con menores e as súas familias.
En horario de 11.00 a 13.00h o espazo propón os luns, un obradoiro de expresión corporal e dramatización, os mércores de expresión plástica e artística e os venres, de cociña creativa e outras actividades plásticas.
Os martes do 1 de xuño ao 30 de agosto, de 19.00h a 20.00h, haberá un obradoiro de masaxes en familia dirixido a nais, pais, fillos e fillas de 1 a 12 anos. Faranse dous grupos cada mes: os martes 1 e 15 de xullo e 5 e 19 de agosto para familias con fillos e fillas menores de 6 anos, e un segundo grupo os martes 8 e 29 de xullo e o 12 e 26 de agosto, para familias con fillos e fillas maiores de 6 anos.
Todas e todos os interesados poden formalizar a súa inscrición directamente na Concellería de Igualdade a partir de mañá, mércores 19 de xuño, na rúa do Ensino, 24, en horario de mañá, de 11.30h a 13.30h.
O día 29 de agosto, haberá un acto de clausura das actividades de verán, ao que estarán convidados todos aqueles e aquelas que participaran nas actividades.
Balance do espazo no ano 2012
No ano 2012 participaron no proxecto “Espazo coeduca” 128 persoas (31 nenas e 26 nenos, 48 mulleres e 23 homes). No espazo se pretende suscitar a reflexión colectiva sobre experiencias cotiás, e incorporar actitudes, hábitos e conductas favorecedoras da autoestima e o benestar persoal.
O espazo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia, ofrece un espazo alternativo e igualitario de aprendizaxe e lecer, adaptado ás necesidades e aos tempos das familias, así como á súa conciliación, onde se pretende concienciar a nais e pais sobre os estereotipos e expectativas que, inconscientemente, poidan transmitir ás súas fillas e fillos condicionando o seu desenvolvemento persoal.
A Concellería contempla a posibilidade de levar a cabo un Curso de Formación en Perspectiva de Xénero dirixido a monitores e monitoras encargados de dinamizar actividades de lecer nas que participen menores e as súas familias, como as que se desenvolver nos centros cívicos, educativos, museos, biblioteca e ludoteca, Aula da Natureza, con vistas a conciliar a vida laboral, familiar e persoal.











