O equipo de biberóns do Laracha C.F. proclámase campión da liga As Mariñas-Arteixo

Laracha C.F. biberóns
O equipo de biberóns (catro e cinco anos de idade) do Laracha C.F. proclamouse campión do torneo As Mariñas-Arteixo da categoría tras vencer todos os partidos disputados na liga, sumando 30 puntos, 64 goles anotados e tan so 10 recibidos nos dez encontros dos que constou a competición, disputada a unha única volta e na que participaron un total de once conxuntos (ademais do Laracha C.F., Olímpico de Rutis, Once Caballeros, Pastoriza, Cambre, Órdenes, San Tirso, Cristo Rey, Carral, Cerceda e Atlético San Pedro).
Os 18 nenos que integran o cadro de xogadores –acompañados polos seus pais-, os dous adestradores –Rubén Ceide e Diego Martínez- e membros da xunta directiva do Laracha C.F –encabezados polo presidente, José Manuel Ceide “Canito”- foron recibidos no Concello polo alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de deportes, Patricia Bello.
José Manuel López Varela felicitou aos nenos polo éxito obtido nesta temporada e destacou a importancia de que xa desde os catro anos de idade teñan a posibilidade de iniciarse na práctica de actividades deportivas, neste caso na modalidade de fútbol-8, fomentándose as relacións sociais entre os máis novos e promovendo os estilos de vida saudables.
O alcalde tamén desexou ao presidente do Laracha C.F. que se produzan nesta fin de semana os resultados precisos para que o primeiro equipo acade o ascenso á Terceira División. Para iso é necesario que dous dos tres equipos galegos que están competindo na fase de ascenso a Segunda B (Celta B, Deportivo B e Compostela) logren o seu obxectivo. Desta circunstancia tamén se beneficiaría o Club do Mar de Caión, que mantería a súa praza na Primeira Autonómica.











