O edil de infraestruturas rurais anuncia o expediente de contratación de obras de abastecemento de auga en seis parroquias
O concelleiro de Infraestruturas Rurais, Antonio Rodríguez Rodríguez, informa que “se vén de iniciar o procedemento aberto para a contratación das obras de abastecemento de augas en oito lugares de seis parroquias con cargo ao Plan de Investimentos (PID) da Deputación de Pontevedra, Plan co que se dotará dun servizo óptimo de auga a preto de 300 veciños lalinenses”.
“Concretamente trátase das seguintes actuacións: abastecemento a Castro de Abaixo (Lodeiro); Vilamaior-Botos; Senín a Porto do Carrio (os dous núcleos, na parroquia de Losón), Puxallos (Catasós); O Castelo (Cadrón); a Gondoriz pequeno (Vilatuxe) e a conexión do abastecemento do ramal a Belelle (Catasós)”, indica.
Rodríguez Rodríguez precisa que “de acordo co anuncio publicado hoxe no BOP o orzamento base de licitación é de 130.000 euros, IVE incluído”. “O prazo de presentación de ofertas é de 20 días naturais contados desde hoxe e o prazo de execución das ditas actuacións está establecido en 2 meses”, concreta.
“Trátase -explica- mediante este Plan de dotar de servizo de abastecemento municipal de auga potable aos ditos lugares porque así nolo pediron os seus veciños, que nalgúns casos xa contan con traída de augas propia pero aos que o caudal non lle dá abasto nos meses de verán”, explica o edil. “Estas actuacións enmárcanse dentro do obxectivo prioritario de dotar de servizo de abastecemento municipal de auga potable á práctica totalidade da poboación do municipio”, precisa.
Antonio Rodríguez explica que “o núcleo de Castro de Abaixo dispón dun abastecemento veciñal cun depósito de almacenamento que serve de arteria de subministración e distribución a cada unha das vivendas”. Explica que “nembargantes a captación non é suficiente durante o verán e de aí que proxectemos a conexión á rede municipal en Castro de Arriba conectada coa rede veciñal de Castro de Abaixo á saída do depósito de almacenamento veciñal, co que se garante un servizo en óptimas condicións para os veciños deste lugar e que practicamente todos presentaron sinaturas para a súa realización”, remarca.
“En canto ao núcleo de Vilamaior completaremos a actuación e daremos este servizo aos seus 19 veciños acometendo a conexión aproveitando á cercanía á rede xeral de Sestelo, situada a menos de 300 metros”, comenta.
“Os núcleos de Senín e Porto do Carrio, na parroquia de Losón son uns dos que están máis afastados da capital do municipio, polo que de entrada esta actuación presentaba un grao de dificultade maior”, explica. “Pero dado que a Xunta acomete o proxecto de abastecemento a Fontao e Vila de Cruces que pasa pola estrada Bodaño-Merza, aprovéitase esta conxuntura para facer a conexión coa tubería existente a través da arqueta correspondente á estrada Bodaño-Merza e ao ramal de subministro a Senín e a continuación polos camiños a Porto do Carrio”, detalla.
“En Puxallos vaise facer un pozo de barrena e instalarase un depósito de 4.000 litros e no Castelo resólvese o abastecemento a través da conexión co ramal norte desde a estrada provincial do Rodo-Brántega”, sinala. “A conexión efectúase a través de arqueta e chave de paso no lugar de Cancelas, a través da pista municipal e ata as inmediacións da N-640”, afirma.
“Este proxecto que vén de poñer en marcha a Deputación complétase coa dotación de auga municipal a Gondoriz pequeno, a través do ramal de Outeiro, con acometidas á rede xeral e tamén co abastecemento ao núcleo de Belelle”, subliña. “Neste caso a captación é deficitaria, polo que se conecta un novo depósito á rede existente e se resolve a demanda proposta pola veciñanza deste lugar da parroquia de Catasós”, precisa.











