O Deportivo da Coruña realizará a pretempada en Monforte
O Deportivo da Coruña confirmou esta mañá que a súa concentración de pretempada celebrarase en Monforte entre o luns 15 e o xoves 25 de xullo.
O equipo aloxarase no Hotel Oca Golf Balneario de Augas Santas, en Ferreira de Pantón, e realizará os adestramentos no campo monfortino de A Pinguela.
Durante esta concentración, o Dépor disputará dous partidos amigables, en datas aínda por fixar. O primeiro destes encontros será ante o Lemos.
O director da Secretaría Técnica, Ernesto Bello, e o técnico do primeiro equipo, Fernando Vázquez, visitaron o pasado 14 de xuño Monforte para coñecer as instalacións deportivas e hoteleiras. O alcalde, Severino Rodríguez, e o asesor da concellería de Deportes, José Antonio Díaz, encargáronse de mostrarlle o campo de futbol, a piscina cuberta municipal e o ximnasio, así como as instalacións do Hotel Balneario de Augasantas.
Fernando Vázquez e Ernesto Bello desprazáranse a Monforte invitados pola concellería de Deportes, interesada en que o club herculino realizase a súa pretempada na cidade do Cabe.
Finalizada a visita, o adestrador deportivista xa manifestara a súa satisfacción coas instalacións deportivas monfortinas, das que dixo que cubrían as súas expectativas, e tamén coas posibilidades que lles ofrecía o aloxamento no Hotel Balneario Augasantas, valorando de xeito moi positivo as súas dependencias.
O alcalde destaca a importancia que ten para Monforte e para a Ribeira Sacra o feito de que o Deportivo da Coruña elixise a nosa comarca para facer a pretempada, ó tempo que agradece ó club coruñés a súa decisión e ó Hotel Oca Golf Balneario de Augas Santas a boa disposición para permitir que este proxecto fose unha realidade. Severino Rodríguez non dubida de que a estancia do Dépor en Monforte representará “un gran beneficio para a Ribeira Sacra, tanto no aspecto económico como no de promoción turística”.











