O departamento de Participación veciñal e Turismo de San Sadurniño recupera os mercados tradicionais
Impulsar o comercio de proximidade e axudar en certa medida á economía local son os dous grandes obxectivos que persegue o Concello coa organización do Mercado local xusto de San Sadurniño. Unha feira aberta principalmente aos pequenos produtores e comercializadores que se desenvolverá no contorno da Praza do Concello o vindeiro domingo 30 de xuño. Trátase da primeira cita dun calendario que se quere manter ao longo do ano e complementario de encontros xa asentados como son a Feira Rural e a Feira da plantación. Os postos poden solicitarse na casa da Cultura até o 25 de xuño.
Os municipios teñen como unha das súas competencias a ordenación do sector comercial e nomeadamente das feiras e dos mercados de abastos. É por iso que o Concello de San Sadurniño decidiu apostar por un mercado de proximidade que recupere tanto o espírito das feiras de toda a vida como o dinamismo económico que xeraban no territorio este tipo de encontros.
Segundo o concelleiro de Participación veciñal, Manolo Varela, a idea é “darlle saída aos produtos de calidade de todo tipo potenciando a venda directa para que a maior parte do valor engadido quede nos produtores locais en vez de marchar ao comercio das grandes áreas”. Ademais, tal e como asegura Varela, “axilízase a saída de excedentes que, doutro xeito, terían complicada a súa distribución”.
No Mercado local xusto de San Sadurniño poderán atoparse, polo tanto, unha grande variedade de produtos:
• Excedentes agrarios, por parte de persoas non profesionais e locais
• Produtos agrarios ou elaborados (queixos, embutidos, horta…), ofertados por profesionais·
• Produtos ecolóxicos e de comercio xusto
• Artesanía, tanto profesional como non profesional
• Mercado do troco e da segunda man, para persoas non profesionais
O mercado será xestionado polos servizos municipais e estará aberto ata cubrir aforo a calquera
empresa ou persoa que queira ofrecer os seus produtos. Quen teña interese en participar deberá inscribirse previamente chamando aos teléfonos 981490027 e 616332919, ou enviando un correo a correo@sansadurnino.dicoruna.es. O Concello resérvase o dereito de aceptar as solicitudes, que terán que estar relacionadas con algún dos tipos de produtos indicados anteriormente. A data final para a recepción de inscricións será o día 25 de xuño de 2013.
A cita organizada pola área de Participación veciñal e Turismo desenvolverase na Praza do Concello e tamén no adro do convento do Rosario desde primeiras horas da mañá do domingo 30 de xuño. Da resposta do público e dos comerciantes dependerá a periodicidade posterior do mercado.











