O Curso de Monitores de Tempo Libre de Amencer ofrece 25 prazas con formación teórico práctica
O Curso de Monitores de Tempo Libre que a Asociación Xuvenil Amencer de Ourense organiza cada verán, conta este ano coa colaboración da Concellería de Voluntariado, que participará nos labores de difusión e ofrecerá un desconto dun 10% na matrícula para os voluntarios inscritos na Concellería. A concelleira de Voluntariado, Mónica Vázquez, e Laura Valcárcel, da Asociación Xuvenil Amencer, presentaron esta mañá no Salón de Plenos os cursos ofrecidos este verán, así coma un balance de participación do primeiro semestre do ano nos cursos da propia Concellería.
O curso, organizado en colaboración coa Escola de Tempo Libre Don Bosco de Galicia, ofrece a titulación oficial expedida pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, e se dirixe especialmente a tódalas persoas interesadas no mundo da educación dende o tempo libre, membros de asociacións, voluntarios e monitores de campamentos.
Se celebrará en fins de semana e vacacións escolares, nos locais da Asociación Xuvenil Amencer, na praza Don Bosco, número 1, baixo -os baixos do colexio Salesianos- e ten como únicos requisitos ser maior de idade e ter o graduado escolar.
Terá unha duración de 200 horas na fase teórica, e 150 en actividades de tempo libre, ou 14 días de campamento, nas seguintes datas:
-Xuño: 7-23 e 25-30
-Xullo: 1-7
Balance de participación nos cursos de Voluntariado do Concello de Ourense
Na presentación do curso de Monitores de Tempo Libre, a concelleira de Voluntariado, Mónica Vázquez, fixo balance da participación dos cursos que ofreceu a Concellería no primeiro semestre do ano 2013, que rematan mañá. Os cursos contaron cunha alta aceptación e participación, completando as 22 prazas coas ofertadas para cada un dos seis cursos, cun total de 132 inscritos.
A concelleira agradeceu a participación de tódolos voluntarios e voluntarias, que “prestan o seu tempo desinteresadamente en colaborar nas actividades e programas que se propoñen, contribuíndo á súa vez na súa propia formación”.











