O Curso de Habilidades Sociais e Autonomía Persoal para Persoas con Diversidade Funcional de Ordes é recoñecido na VII edición dos Premios Alares

Foto de familia dos galardoados
O Concello de Ordes acaba de ser recoñecido na entrega dos VII Premios Nacionais Alares á Conciliación da Vida Familiar, Laboral e Persoal e á Responsabilidade Social. No acto de entrega, celebrado onte en Madrid na sede de CaixaFórum, o alcalde de Ordes recolleu o galardón de accésit na categoría institucional.
O dito galardón vén dado polo labor que o Concello de Ordes está a desenvolver ao longo dos últimos anos no curso de Habilidades Sociais e Autonomía Persoal para Persoas con Diversidade Funcional, o cal se imparte na aula especialmente adaptada situada no Mesón do Vento. É neste espazo municipal onde cada día o grupo formado por unha vintena de persoas con distintos graos de disfuncionalidade, e acompañados en todo momento pola súa educadora social e auxiliar de apoio, realizan todo tipo de actividades de tipo cognitivo, lúdico ou didáctico. “O que para nós non significa nada para eles é un gran logro e unha enorme satisfacción. Por exemplo: facer unha cama, recoller unha mesa, fregar un vaso ou dobrar unha camiseta é cruzar unha meta que nunca pensaron alcanzar”, explica Silvia Marín, actual tenente de alcalde de Ordes e primeira concelleira de España na área de Diversidade Funcional. Trátase dun labor do que non só se benefician os usuarios, senón tamén os seus familiares e achegados, os cales poden contar cun tempo libre para dedicarlle a outras responsabilidades ou tarefas.
“Sabemos que as necesidades que presentan estas persoas son moitas e moi concretas, polo que temos un compromiso adquirido non só con eles senón tamén coas súas familias. Por iso dende o Concello considerámolos unha prioridade e decidimos, a pesar do momento actual, continuar sufragando os gastos deste curso unha vez que se nos comunicou a retirada de contribucións por parte doutras institucións”, comenta Manuel Regos, alcalde de Ordes.
Por segundo ano consecutivo o Ministerio de Emprego e Seguridade Social participou desta iniciativa, que nesta ocasión contou coa presenza da Secretaria de Estado de Emprego, Engracia Hidalgo. En total foron máis de 500 os invitados que asistiron á gala, “onde o capital humano foi o verdadeiro e absoluto protagonista”, tal e como se destacou dende a organización. “Proba diso son as boas ideas, a calidade dos proxectos presentados e a creatividade das iniciativas que configuraron o resultado dun palmarés de primeira orde, onde a competitividade e a sostibilidade empresarial se reflicte como nexo común”.











