O Consorcio de Turismo e Vueling promoven A Coruña en Sevilla como destino turístico
O Consorcio de Turismo, que preside Luisa Cid, promoverá mañá en Sevilla, en colaboración con Vueling, A Coruña como destino turístico, aproveitando o voo directo que une ambas as dúas cidades.
Tal e como explica Cid, a iniciativa inclúese no marco da “alianza estratéxica” desenvolvida entre o Concello e a aeroliña para potenciar a cidade, tanto como destino vacacional de fin de semana coma para estanzas máis longas, naquelas cidades onde a aeroliña ten conexións directas coa Coruña.
Neste caso, a actuación promocional consiste nunha yincana na que os participantes terán que buscar unha serie de pistas en distintos lugares da capital hispalense coa Coruña e a noite de San Juan como grandes protagonistas.
Entre os premios do concurso destacan un fin de semana na Coruña para dúas persoas, que inclúe dúas noites nun hotel de catro estrelas, e unha sesión de spa. O concurso poderá seguirse a través do twitter de Turismo da Coruña (@corunaturismo). Todas as persoas que desexen participar deberán apuntarse en www.corunasemueve.es.











