O Conservatorio celebra a vindeira semana os seus concertos de fin de curso
O Conservatorio Municipal de Música de Vilagarcía celebra o fin de curso esta semana coa realización de dous concertos nos que participará o seu alumnado. As actividades terán lugar o martes 11 e o mércores 12 de xuño no Auditorio e comezarán as 20:00 horas. A entrada é libre e de balde. Con estes concertos o Conservatorio pecha un intenso ano académico 2012-13 no que se realizaron un gran número de actividades complementarias de todo tipo.
Dado que a meirande parte da actividade realizada polos dos alumnos durante o curso foi a nivel de solistas mediante as audicións programadas en cada trimestre, os Concertos de Fin de Curso perseguen amosar o traballo colectivo que se fai no centro coas agrupacións de distinta índole, instrumentais ou vocais. Ademais, preténdese nestes actos de clausura participe o maior número posible de alumnos.
Os alumnos do Grao Profesional intervirán nos concertos a través da Orquestra, Coro, Conxunto de Vento, Conxunto de Percusión, Conxunto de Guitarras, Grupos de Linguaxe; mentres que os alumnos do Grao Elemental o farán a través da súa Orquestra e tamén do Conxunto de Guitarras no que actuarán xunto cos seus compañeiros do Grao Profesional.
O programa dos concertos componse de parte do amplo repertorio traballado ao longo do curso polos alumnos a nivel individual, así como o referido ás agrupacións instrumentais ou de cámara. Inclúe obra de tódalas épocas e estilos, con temas de compositores clásicos de todos os tempos e tamén con algunha peza moderna.











