O Conciliatardes de Vilagarcía abre o prazo de inscrición para o curso 2013-14

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Área de Servizos Sociais da Concellería de Traballo e Benestar abre o martes 25 de xuño o prazo de solicitude no programa Conciliatardes Tardes coa Infancia para o curso 2013-14. Este servizo ten como obxectivo facilitar a vida familiar, persoal e laboral das familias con fillos menores que non teñen clase pola tarde e que non teñen quen dea conta deles mentres os pais traballan. A oferta de prazas ascende a 35 e o período de solicitude remata o 15 de xullo.

O Conciliatardes está dirixido aos nenos e nenas nacidos entre o 1 de xaneiro de 2005 e o 31 de decembro de 2010 empadroados no Concello de Vilagarcía de Arousa, que formen parte dunha unidade familiar na que ambos proxenitores ou titores teñan unha actividade laboral ou participen nun proceso de formación regrado ou oficial, no horario de desenvolvemento do servizo.

O servizo desenvolverase durante os meses de outubro 2013 a xuño de 2014 no Centro de Formación de Matosinhos, en horario de 15:30 a 21:00 horas.

Bonificacións e Gratuidade

As familias poderán adaptar uso do servizo á situación particular de cada caso, podendo optar á xornada parcial ou completa. A cota máxima a abonar por participar no Conciliatardes é de 80 euros, aínda que se establecen bonificacións do 25, 50 e 75% en función da situación económica da unidade familiar, chegando a ofrcer o servizo de xeito gratuíto para a aquelas familias cuxa renta pér cápita en base ao IPREM no acade o 80%.

O servizo Conciliatardes- Tardes coa Infancia é un programa socioeducativo e de lecer de apoio á infancia, co obxectivo de conciliar as responsabilidades familiares, persoais e profesionais ao mesmo tempo que garante a igualdade de oportunidades. Os nenos e nenas son atendidos por monitores e pedagogos especializados que desenvolverán con eles un amplo e variado programa que inclúe tanto aspectos educativos como lúdicos para fomentar a súa sociabilidade, vida sana, creatividade e potenciar os valores positivos.

As familias interesadas deberán presentar no Rexistro Xeral do Concello de Vilagarcía de Arousa e dentro do plazo establecido tanto a solicitude de inscrición, como a ficha de matrícula e as correspondentes autorizacións que se facilitarán no departamento de Servizos Sociais ou que poderán imprimir dende o taboleiro de anuncios na páxina web do Concello www.vilagarcia.es. No formulario figura a documentación complementaria que deben achegar conxuntamente. No taboleiro de anuncios da web tamén poderán consultar as bases do servizo.

A lista provisional de admitidos publicarase o 5 de agosto, unha vez avaliadas e baremadas as solicitudes.

23 de xuño de 2013 | 16:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.