O Concello substituirá as lousas de pizarra do Paseo do Anllóns por un firme de terra máis axeitado para os camiñantes

Vista da área
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas, e da de Medio Ambiente, que dirixe Marcos Trigo, informa de que despois das Festas de San Xoán abordaranse novos traballos de mellora no Paseo do Anllóns, que conta cun percorrido de máis de sete quilómetros de lonxitude -contando as dúas beiras- e que transcorre entre a Ponte de Bértoa e o Muíño do Quinto. Así, está previsto substituír as lousas de pizarra situadas no tramo máis próximo á ponte da Milagrosa por un firme de zahorra aplanada, máis axeitado para os numerosos camiñantes, corredores e ciclistas que empregan o paseo cada día, ademais de contar cun mantemento e conservación máis sinxelos. Está previsto que os traballos comecen unha vez rematados os festexos na honra do patrón para non entorpecer a celebración de citas como o Descenso do Anllóns ou a Festa do Bosque, que marca o peche das celebracións. Así mesmo, o Concello tamén informa de que están a piques de rematar os traballos de limpeza das marxes do río Anllóns en toda a lonxitude do Paseo. Os traballos céntranse en despexar a canle e en retirar a maleza na zona exterior. Ademais, nesta ocasión realizouse o arranxo das fochas que podían observarse en varios puntos do paseo, enchendo os ocos e aplanando o firme, ademais de retirarse moita da vexetación que estorbaba os percorridos dos usuarios e usuarias. Hai que lembrar que o Concello carballés realiza de forma cotiá labores de mantemento, conservación e posta en valor da ribeira do río Anllóns e do seu Paseo, ademais de mantemento dos espazos públicos. Noutra orde de cousas, e dentro das accións de limpeza e coa chegada do verán, o Concello lembra que tamén realiza labores para a prevención de incendios forestais e para a limpeza dos solares do casco urbano. No primeiro caso, o obxectivo é defender os montes ou terreos forestais fronte ao lume, así como protexer ás persoas e bens que puideran resultar afectados por eles. No segundo, a administración local vela polo cumprimento da Ordenanza municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no termo municipal de Carballo, cuxo incumprimento pode implicar sancións. Por exemplo, se por falta de limpeza dos predios, sobresaíran destes á vía pública calquera clase de silveiras, mirtos, matogueiras, ou outra vexetación, a sanción é de 90 euros.











