O Concello solicita a Augas de Galicia a recuperación dos leitos dos ríos Acheiro, Quenxe e Bradoso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Concello da Laracha solicitará ao organismo Augas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, a recuperación dos leitos dos ríos que configuran as cabeceiras do Anllóns no Concello da Laracha, concretamente o Quenxe, o Bradoso e o curso alto do Acheiro.

Esta proposta que promove o goberno municipal realizarase despois de terse comprobado o rotundo éxito obtido coa recente limpeza do Anllóns desde a ponte de Areosa ata Samiro (no límite con Carballo) e do tramo de Acheiro desde a ponte da Beria (parroquia de Golmar) ata a súa desembocadura no Anllóns (precisamente preto de Samiro). En total, foron obxecto destas actuacións 10.170 metros no ano pasado.

Agora preséntase un proxecto máis amplo e que daría continuidade ao acometido durante o ano pasado. No curso alto do Acheiro proponse actuar nunha distancia de seis quilómetros, afectando ao curso do río nas parroquias de Soandres, Soutullo e Golmar. No Quenxe a lonxitude a actuar sería similar, correspondendo ao seu paso por Cabovilaño e Lemaio. Por último, o río Bradoso (que discorre por Montemaior) ten unha distancia de cinco quilómetros e proponse actuar en todo o seu percorrido.

As labores que o Concello da Laracha pretende acometer consisten na retirada de árbores e ramas caídas, o desbroce da maleza e a recollida do lixo, o que posibilitará facilitar a circulación da auga, favorecendo por tanto a riqueza do ecosistema vexetal e animal nestes tramos dos ríos.

Desde o Concello da Laracha vense actuando durante os últimos anos na recuperación da riqueza medioambiental dos fermosos espazos naturais que conforman os ríos. O goberno municipal apostou pola creación –e posterior ampliación- de paseos fluviais nos ríos Anllóns e Quenxe, así como da área recreativa de Gabenlle. Coa colaboración da Xunta de Galicia e da Sociedade de Pesca e Conservación dos Ríos Fario, creouse un couto de pesca entre a ponte do Formigueiro e Porto Pereiro. Ademais, o Concello da Laracha restaurou varios muíños de auga e estableceu, sinalizándoa sobre o terreo, unha ruta de sendeirismo, a dos muíños, co obxecto de poñer en valor este patrimonio natural e paisaxístico larachés.

8 de xuño de 2013 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.