O Concello saca a concurso o proxecto de mellora de eficiencia enerxética para aforrar 282.000 euros
O Goberno local anuncia a licitación de dous proxectos enmarcados dentro da aposta do Concello polo aforro no consumo eléctrico e pola optimización dos recursos municipais. En concreto, sacáronse a concurso, mediante procedemento aberto, tanto a mellora da eficiencia enerxética na rede de iluminación pública da cidade, o que supoñerá unha rebaixa de 282.000 euros ao ano en facturas, como o contrato de subministración en baixa e media tensión.
O Goberno local destina 1.646.102,97 euros ao programa para a revisión e adopción de medidas correctoras para a modernización, instalación de equipos e sistemas de telexestión nos centros de mando da rede de iluminación pública da cidade. Unha vez adxudíquese o proxecto, o prazo de execución máximo será de 6 meses. Na cidade, existen 571 cadros de mando, dos cales 199 non miden a electricidade que se consume, o que evidencia o descontrol e a falta de equipos e instrumentos tecnolóxicos axeitados. Grazas a este novo proxecto poderanse corrixir deficiencias e situacións irregulares existentes en cadros e circuítos, malia que anteriores gobernos eran conscientes dos problemas que había e non fixeron nada ao respecto. Na actualidade prodúcense ao ano un total de 8.000 incidencias.
Con esta iniciativa, cuxo prazo de presentación de ofertas remata o 1 de xullo ás 13.00 horas, o Concello prevé aforrar case 300.000 euros anuais. As obras consistirán na centralización a 31 grupos de cadros de iluminación pública, que en xeral non dispoñen de contador, nun único centro de mando de maiores dimensións e potencia co correspondente contador. Deste xeito poderanse controlar e telexestionar os cadros de mando e alcanzar dous obxectivos fundamentais: por un lado, rebaixar o gasto eléctrico, o que á súa vez supoñerá un aforro ás arcas de María Pita; e polo outro, optimizar os recursos municipais.
Este proxecto de eficiencia enerxética enmárcase precisamente dentro do Plan de Mellora de Iluminación Pública posta en marcha tras comprobar o deficiente estado no que se encontra a rede de luminarias da cidade. Aos 1,6 millóns deste concurso, no presuposto de 2013 súmanse 1,1 millóns de euros para outros proxectos na iluminación pública municipal.
CONSUMO ELÉCTRICO
O Concello tamén sacou a concurso a contratación da subministración de enerxía eléctrica en baixa e media tensión. Para este servizo fíxase un presuposto de licitación de 6,3 millóns de euros para os 12 meses seguintes á súa adxudicación, un contrato, que se poderá prorrogar un exercicio máis, ata alcanzar os dous anos.
O Executivo municipal busca regularizar unha situación que os anteriores gobernos nunca se preocuparon de corrixir. Ata agora, existía un convenio para a subministración da rede eléctrica cunha empresa. Con esta licitación, a cidade cumprirá por primeira vez coa lexislación vixente, que obriga a libre competencia á hora de contratar este servizo.
Ao igual que no proxecto de eficiencia enerxética na rede de iluminación pública, o Goberno local optou por licitar este expediente mediante procedemento aberto para favorecer a igualdade de oportunidades entre empresas, rebaixar o prezo final da subministración e adxudicalo á compañía que mellor se axuste ás directrices marcadas polos técnicos municipais. Para alcanzar estes obxectivos, contratarase de xeito conxunto tanto a adquisición da enerxía como a prestación do servizo e o acceso a redes co distribuidor.
O novo contrato tamén responde á decisión do Concello de mellorar tanto a eficiencia no consumo eléctrico como rebaixar o gasto final na factura da luz; e súmase á lista de medidas impulsadas dentro do Plan de Mellora da Iluminación. O presuposto máximo de licitación é de 6,3 millóns de euros, se ben a administración aboará exclusivamente de acordo ás subministracións que, efectivamente, se vaian realizando. O prazo de presentación de ofertas finaliza o 3 de xullo ás 13.00 horas.











