O Concello renova os bancos de madeira dos parques e zonas verdes do municipio coa axuda de Aspaber

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+

A Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas informa de que durante os últimos días usuarios e usuarias de Aspaber (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños), supervisados por un dos monitores da entidade, están levando a cabo a renovación dos bancos situados nos parques, xardíns e zonas de lecer da capital municipal. Os traballos consisten no desmontado de cada unha das pezas, que se trasladan aos talleres cos que conta Aspaber nas instalacións da Brea, onde son repintados e vernizados. O último paso é volver á localización orixinal e montar cada unha das pezas de novo nos bancos, con moi bos resultados, segundo subliña Lamas. Os labores comezaron nos últimos días coas unidades situadas nos arredores da Praza do Concello e o Xardín Municipal, e iranse estendendo nas próximas semanas a outras áreas da capital municipal. Esta actuación está incluída nos traballos que se desenvolven dentro da campaña de mantemento de parques e xardíns que realiza de cotío a Concellaría de Obras e Servizos. Dende este departamento queren pedir desculpas aos veciños e veciñas polas posibles molestias ocasionadas, e espera que estas melloras rematen o antes posible.

12 de xuño de 2013 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.