O Concello reforzará o dispositivo de seguridade do San Juan e chama á colaboración cidadá
O voceiro municipal, Julio Flores, asegurou que o Concello reforzará o dispositivo de seguridade e emerxencias ante as previsións que apuntan a que, se o tempo acompaña, na Noite de San Juan haberá unha afluencia multitudinaria na zona do paseo marítimo e nas praias de Riazor e Orzán: “En catro semanas máis de 300.000 persoas viron en youtube o vídeo de San Juan e hai hoteis que, nestes momentos, xa están a rozar o 90% de ocupación”, informou e engadiu: “O ano pasado a zona das praias acolleu unhas 140.000 persoas e se o tempo acompaña todo indica que este ano seguiremos ese camiño”, afirmou e fixo un chamamento á colaboración cidadá “gozando con sentidiño hai menos problemas”.
Mentres a maior parte dos cidadáns gozan o San Juan, outros van traballar para que todo saia ben, indicou Flores e explicou que este ano o dispositivo de seguridade estará formado por máis de 300 persoas. Ademais, recordou que os bombeiros están a desenvolver unha iniciativa para concienciar os mozos a través de charlas informativas, que están a chegar a centos de escolares coruñeses e que se reforzarán ao longo desta semana “co obxectivo de darlles unha serie de consellos para evitar problemas e que non teñamos ningún incidente grave”, sinalou.
Neste sentido, recordou que esa noite tamén participarán os socorristas que, mañá sábado, comezan a súa actividade en todos os areais coruñeses: “Este ano contamos con 62 persoas, 6 máis que o ano pasado, para cubrir toda a tempada dende mañá 15 de xuño, ata o próximo 16 de setembro. Todos os postos estarán atendidos por diplomados universitarios en Enfermaría, todos recibiron unha completa formación previa, unificamos os horarios de todas as praias e incrementamos o número mínimo diario de socorristas nun 70% con respecto a 2011”, resumiu e engadiu que este ano volverá haber un centro de coordinación en Riazor, labores de prevención e repartición de pulseiras entre os nenos máis pequenos.
Por outra parte, Flores reiterou a súa petición aos partidos da oposición: “Nestes momentos complicados, os cidadáns non esixen a todos os partidos políticos que sumemos esforzos para combater o problema da falta de emprego. Pídolles aos partidos da oposición que deixen de ser un lastre e se sumen ao Pacto Local polo Emprego. O Goberno local chegou a un acordo con 24 entidades para desenvolver o plan de acción e a oposición a feito cero achegas” e finalizou: “Cada vez que os hemos convocado non moveron nin un só dedo. Os coruñeses están abafados da oposición que temos e o único que queren é que arrimen o ombro”.











