O Concello recoñece o gran labor da Comisión de Festas de Santa Mariña de Vincios na súa “chourizada benéfica”
O Concello de Gondomar, e en especial a Concellaría de Benestar Social, que dirixe Patricia Durán, queren facer chegar o seu agradecemento, tanto á Comisión de Festas de Santa Mariña de Vincios que o pasado 25 de maio organizou unha ‘chourizada’ benéfica para recoller alimentos para familias necesitadas, coma a todas aquelas persoas que contribuíron coa súa achega.
En total reuníronse máis de 400 quilos de alimentos non perecedoiros, como arroz, pasta, conservas, galletas, aceite, etc… que xa foron repartidos entre as familias máis necesitadas de Gondomar.
Patricia Durán, concelleira de Benestar Social, destaca que “é moi importante que haxa máis iniciativas como esta, xa que é evidente que a falta de alimentos en moitas familias é un dos problemas máis importantes que debemos atender actualmente”.











