O Concello promove San Juan en eDreams, a maior axencia de viaxes online
O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo que preside Luisa Cid, promoverá a festa de San Juan en eDreams, a maior axencia de viaxes online, que conta con millóns de clientes en España, Portugal e no Reino Unido.
A iniciativa impulsada polo Concello en colaboración con eDreams, mostra o atractivo da festa coruñesa colocándoa no escaparate da maior axencia de viaxes online do sur de Europa.
Paralelamente a esta actuación, desenvolveranse accións de promoción en twitter, onde a axencia aglutina case 20.000 seguidores. “Queremos ensinarlle ao mundo o espectacular que San Juan e todo o que rodea a esta festa multitudinaria para que a goce, para que non lla perda,” indicou Cid, quen recordou a “importante carga emocional, non só festiva”, dunha noite que reflicte “tradicións ancestrais”, subliñou a presidenta do Consorcio de Turismo.
Pola súa banda, o director xeral de eDreams en España, Javier Bellido, destacou a oferta turística da Coruña, “cunha variedade excepcional que xunta gastronomía, paisaxe, cultura e tradición”.











