O Concello procede a analizar as fontes municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalO Carballiño
A-
A+

A área de Sanidade do concello do Carballiño procederá nos próximos días a analizar as fontes do municipio, para controlar o seu estado, e máis en concreto o das súas augas. Cabe destacar que a maioría das fontes da vila son naturais, o que quere dicir que proceden directamente de minas e mananciais subterráneos, polo que o seu control sanitario total é imposible. Esa é a razón pola que en todas estas fontes se colocou o cartel de auga non controlada sanitariamente, non polo feito de non poder ser usada, senón que porque unha vez analizada se pode saber do seu estado nese momento, pero está suxeita a ter filtracións que puidesen deteriorar as súas características.

Dende hai máis dun ano non se procedía a esta análise das augas das fontes, e aprovéitase estas datas para realizalo, xa que é na época de primavera e verán cando máis uso se adoita facer delas por parte de veciños e visitantes.

Só na vila do Carballiño existen máis de 10 fontes, que están a ser usadas polos veciños sen ningún problema, son contar coas que existen en cada unha das parroquias do termo municipal, ao ser esta zona unha terra rica en acuíferos e afluencias hídricas. Malia todo a área de Sanidade quere proceder a este control, para comprobar o seu estado.

7 de xuño de 2013 | 15:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.