O Concello presenta “Te sobran los motivos”, o programa deportivo municipal para este verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, presentou esta mañá as actividades deportivas programadas polo Concello para este verán. Así, durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro ofertaranse un total de 210 actividades entre eventos deportivos, cursos, campus ou conferencias.

Segundo explicou o concelleiro, ofertaranse máis de 5.000 prazas, en 50 modalidades deportivas diferentes: “Trátase de que a oferta chegue a todo o mundo, a todos os sectores e idades polo que hai actividades destinadas ao público infantil, outras ao adulto e outras non terán límite de idade. Serán para todos os gustos e petos. Así, temos dende deportes máis populares como o baloncesto, balonmán, fútbol ou patinaxe; outros con grande aceptación na cidade como o hóckey e todos os deportes náuticos; e disciplinas que nos últimos tempos experimentaron un importante aumento de participantes como a equitación, o golf, o pádel ou o automobilismo”, explicou o concelleiro e engadiu: “Esta concellaría ten como obxectivo que a oferta deportiva municipal sexa universal”.

Nesta ocasión, a oferta para o verán recóllese baixo o lema Te sobran los motivos “porque o deporte rompe a rutina, aumenta o espírito de superación, mellora o rendemento académico, diminúe o estrés, é divertido, prevén a obesidade, descánsase mellor, gózase do bo tempo e, en definitiva, faite máis feliz”, destacou Mourelo.

En concreto, celebraranse 143 actividades entre campus, cursos e formación; e 67 eventos deportivos “como os Xogos Escolares que se celebran hoxe mesmo, a cea do deporte, o Campionato Galego de Escalada en Bloque, o Día do Deporte na Rúa, o Campionato de España de Pesca dende Rocha, carreiras populares, torneos, ou campionatos”, explicou Mourelo.

O Concelleiro de Deportes aproveitou a ocasión para agradecer a implicación das máis de 70 entidades da cidade que participan de forma activa neste calendario de actividades. “O esforzo de asociacións, agrupacións, clubs, federacións, escolas ou centros deportivos fai posible que poidamos ofrecer este amplo calendario de actividades durante o verán e tamén durante todo o ano. Este compromiso é necesarios nunha cidade que ama o deporte e que conta con case 17.000 subscritores só nas Instalacións Deportivas Municipais”.

Os interesados en participar nalgunhas das actividades que se ofrecen poderán realizar a inscrición online en www.coruna.es/deportes, dende o día 12 de xuño ás 08.00 horas e ata o 19 de xuño ás 14.00 horas, ou ben, dentro dos seus propios prazos e procedementos, directamente en cada entidade organizadora.

Francisco Mourelo tamén anunciou que este ano se editará ademais unha guía diferente “ordenada por modalidade deportiva, idade e data”, concluíu.

7 de xuño de 2013 | 13:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.