O Concello pon en marcha cursos de iniciación á informática, internet e web 2.0
O Concello da Coruña, a través do departamento de Cultura, informa de que as Bibliotecas Municipais da Coruña, en colaboración coa Deputación da Coruña, puxeron en marcha o seu programa de formación en Informática 2013 dirixido a aquelas persoas que sen ter ningún contacto previo coa informática estean interesadas en descubrir e practicar as posibilidades de Internet. Este programa materialízase na realización de diversos cursos, totalmente gratuítos con formatos e duración adaptados ao contido que se desenvolve.
Os cursos estrutúranse en tres tipos:
– Iniciación: destinados a persoas sen ningún coñecemento de informática cunha duración de 2 semanas. O curso pretende, ademais de eliminar o receo inicial, que os alumnos aprendan a manexar un ordenador, navegar por Internet e xestionar a súa conta de correo. A duración destes cursos é de 30 horas.
– Específicos: relacionados coas temáticas máis actuais como son as redes sociais ou a realización virtual de trámites e xestións: pedir cita no médico, ou comprar unha entrada para o cine. Mesmo hai cursos específicos para a creación de páxinas Web. A duración destes cursos é de 15 horas (1 semana).
– Pílulas dixitais: en moi poucas horas poderemos aprender a sacar o máximo proveito do noso ordenador portátil ou o noso smartphone.
O obxectivo final destes cursos é potenciar e difundir as tecnoloxías da información como unha ferramenta cómoda, rápida e áxil de participación e intercambio na nosa vida cotiá e social evitando así a denominada brecha dixital que ameaza a algúns sectores da poboación.
Os cursos realízanse en case todas as Bibliotecas Municipais do Concello, en concreto nas da Ágora, Fórum Metropolitano, Os Rosales, Castrillón, Monte Alto e Sagrada Familia. Realizaranse cursos de creación de páxinas web, iniciación á informática, iniciación a Openoffice, mantemento de portátil, mecanografía, recursos prácticos na rede, redes sociais, ou teléfono intelixente. As sesións serán de mañá e tarde que, unido ao feito da súa gratuidade, permitirá que calquera cidadán interesado poida asistir inscribíndose previamente en calquera das bibliotecas municipais, no caso dos cursos de iniciación, ou a través dunha inscrición online na web das bibliotecas (www.coruna.es/bibliotecas), no caso dos cursos específicos.











