O Concello outorgará 146.500 euros en subvencións municipais a clubs, entidades e comisións de festas
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha outorgará na súa próxima reunión ordinaria, que se celebrará o luns, as subvencións municipais ás asociacións culturais e educativas, clubs deportivos, anpas e comisións de festas para o desenvolvemento de actividades de interese xeral ao longo de todo o ano, así como aos deportistas individuais de maior éxito –a niveis provincial, autonómico, estatal e internacional- nas diferentes disciplinas.
En total serán 57 as entidades e deportistas individuais entre os que se repartirán os 146.500 euros cos que o Concello da Laracha dotou esta convocatoria, unha partida que foi blindada nos orzamentos do ano 2013 para o caso do desenvolvemento de actividades relacionadas coa educación, a cultura e o deporte e que se reduciu nun vintecinco por cento con respecto ao exercicio anterior no que atinxe ás comisións parroquias de festexos, o que permitiu incrementar a cantidade que se destinará ás bolsas de estudos municipais para o curso 2013-2014 (que serán convocadas en setembro ou outubro), ascendendo á cifra récord de 55.000 euros.
O acordo que tomará a Xunta de Goberno Local tomarase a proposta da Comisión de Valoración, encargada de analizar a totalidade das propostas presentadas e de establecer, en base ás actividades e eventos desenvolvidos durante o ano pasado, as cantidades económicas que se destinarán a cada un dos beneficiarios.
Este importante esforzo económico soamente é unha parte da colaboración do Concello da Laracha con estes clubs e asociacións, aos que tamén se presta un continuo apoio organizativo á hora do deseño e o desenvolvemento das súas actividades, cedendo ademais, en moitos casos, instalacións de titularidade municipal de xeito totalmente gratuíto.
O Concello da Laracha pon de manifesto a través desta convocatoria de subvencións o seu pleno interese polo asociacionismo e a organización de actividades culturais, educativas, deportivas e festivas. A labor que estas entidades realizan co apoio municipal son fundamentais para resaltar os nosos aspectos culturais de máis relevancia, potenciar os hábitos de vida saudables a través da práctica deportiva (especialmente, entre os nenos e o colectivo da terceira idade), cooperar na educación dos nenos e ofrecer alternativas de ocio dirixidas a fomentar as relacións sociais entre os veciños e evitar posibles riscos de exclusión social.











