O Concello organiza unha Andaina a San Andrés de Teixido para os maiores
O Concello de Cedeira, a través da Concellaría de Deportes, organiza este ano unha Andaina a San Andrés de Teixido dirixida especialmente ao colectivo da Terceira Idade. A marcha, con vocación de continuidade, está programada para o sábado 22 de xuño, con punto de inicio no Auditorio Municipal da localidade. Así, os maiores que estean interesados en participar e facer o camiño tan só teñen que anotarse ben na cafetaría do centro sociocultural ou ben chamando ao teléfono 650 779 862.
A marcha ao segundo maior centro de peregrinación de toda Galicia, tras Santiago de Compostela, discorrerá polo Camiño Real. Con saída prevista ás 10 horas, estímase que a chegada prodúzase en torno ás 13,30 horas. Será entón cando os participantes visiten o santuario
e participen das tradicións do lugar (como achegarse á fonte dos tres canos para botar un miolo de pan que determinará se o desexo que formulen a San Andrés lles será concedido; facerse coa “herba de namorar” ou degustar as típicas rosquillas). A continuación, se celebrará unha comida-pícnic no lugar e, tras esta, realizarase o regreso (en coche). O custo da actividade é de cinco euros, para sufragar os gastos da comida.











