O concello organiza por primeira vez unha visita nocturna ós petróglifos de Teo a finais de xullo
A concellaría de Cultura do Concello de Teo, dirixida por Carme Hermida, organiza por primeira vez unha visita nocturna ós petróglifos de Teo. Moitas destas representacións aprécianse mellor pola noite de aí a programación desta visita guiada que se fará o sábado 27 de xullo con ese horario.
A actividade prevé un roteiro circular de ó redor de cinco quilómetros en torno ó conxunto de gravados de Outeiro do Corno, na aldea de Cornide. Precisamente no núcleo de Cornide será onde se cite ós participantes ó redor das 21:00 horas. Ás 21:15 horas farase unha visita guiada á Casa Grande de Cornide ademais de atender ás explicacións dos petróglifos que se van visitar. Ó redor das 22:00 horas sairase cara ó Outeiro do Corno.
A visita está prevista para oitenta persoas e é necesario anotarse no Departamento de Cultura municipal o no teléfono 981 815 700 ext. 214.. Tamén se pode enviar un correo electrónico a cultura@concellodeteo.com indicando no asunto da mensaxe Visita nocturna petróglifos e poñendo o nome e apelidos da persoa que se quere anotar ademais dun número de teléfono de contacto. Esta actividade está organizada polo Concello de Teo en colaboración co colectivo A Rula.
Aventura Teo en xullo
Por outra banda dende o Departamento de Deportes indican que continúa aberto o prazo para anotarse nas actividades do Aventura Teo, unha ruta en canoa o 7 de xullo entre a Pesqueira do Tambre e Ponte Nafonso e rafting polo Ulla o 14 do mesmo mes.
As persoas interesadas en anotarse na ruta en canoa poden facelo ata o mércores 3 de xullo. A excursión prevista para o domingo 7 comezará ás 09:00 horas na Casa do Concello e rematará despois das 15:00 horas. Para participar hai que ter unha idade mínima de 12 anos e é obrigatorio saber nadar, levar calzado para mollar e no caso de ser menor de idade ter autorización dos pais ou titores. O custe desta actividade é de 20 euros. Para anotarse hai que entregar unha ficha de inscrición no departamento de Deportes municipal ou enviala por correo electrónico a deportes@concellodeteo.com.
O rafting polo Ulla será o 14 de xullo entre a Ponte de Sinde e Herbón. A duración tamén será de mañá e hai que ter 12 anos para participar ademais de saber nadar. Custa 20 euros e o pago farase unha vez que dende o Concello se confirme a realización da actividade xa que é preciso un mínimo de persoas anotadas para realizala.











