O Concello lembra que o incorrecto uso dos colectores de lixo pode supoñer multas de ata 3.000 euros
O Concello da Laracha lembra que a ordenanza municipal de condutas cívicas regula no seu artigo 23 as cuestións relativas ao tratamento de residuos e lixo.
Nos últimos días detectáronse en diferentes puntos do termo municipal que se depositara escombro, plásticos procedentes do silo, restos de poda de árbores e mesmo herba cortada nos colectores habituais de lixo.
É importante lembrar que os contedores de recollida selectiva deben utilizarse exclusivamente para depositar os residuos sólidos urbanos e non o material derivado de actividades de tipo agrícola, gandeiro e mesmo de pequenas obras, independentemente de ser realizadas a nivel comercial ou particular.
A ordenanza municipal de condutas cívicas establece multas que poden ir desde os 50 euros no caso dunha infracción grave ata os 3.000 euros que se poderían impoñer a unha infracción considerada moi grave.
Desde o Concello da Laracha lembramos que o Punto Limpo está dispoñible de xeito gratuíto para todos os nosos veciños, sendo este o lugar no que deben depositarse os residuos que polas súas características non poden eliminarse introducíndoos nos colectores habituais.











