O Concello inaugura cun emotivo acto a antiga escola indiana “Unión del porvenir” para uso dos veciños de Piñeiro e Taborda

A rexedora xunto ao público asistente á inauguración
O Concello de Tomiño inaugurou onte, venres 28 de xuño, as obras de reforma e ampliación do edificio da antiga Escola Unión del Porvenir, situada entre as parroquias de Piñeiro e Taborda. Despois de trinta e cinco anos de abandono, esta reinauguración fíxose coincidir co oitenta e dous aniversario da primeira inauguración do edificio, celebrada o día 28 de xuño de 1931.
O obxectivo do Concello foi recuperar este emblemático edificio, construído con fondos procedentes da emigración, para uso e disfrute dos veciños e veciñas, colectivos e asociacións de carácter veciñal e cultural das parroquias de Piñeiro e Taborda.
O acto celebrado onte non foi un acto de inauguración convencional; todo o contrario. A intención do Concello estivo clara dende un primeiro momento: honrar a memoria de aquel grupo de emigrantes de principio do século pasado que, dende Nova York ou Bos Aires, quixo que os seus compatriotas tiveran un futuro mellor, e para iso, aforraron cartos durante trece anos e fundaron a “Unión del Porvenir”, unha sociedade con “vocación socorrista” (segundo rezaban os estatutos), que foi escola para moitos nenos e nenas de aquela época; centro social e,incluso, cuartel das milicias franquistas. Hai máis de 30 anos, o edificio foi caendo no abandono baixo a mirada indiferentes dos veciños, que vían como as silvas ían apoderándose de aqueles históricos muros.
Centos de veciños acudiron ao acto organizado polo Concello, entre eles, moitos antigos alumnos e usuarios que coñeceran o edificio nos seus momentos de esplendor. Un emotivo audiovisual recolleu as lembranzas deles en tempos nos que ir á escola, era toda unha aventura. Era o caso de Gerardo, Ramiro, Lucita, Candelaria, Venancio, Herminia, e moitos outros e outras, que deixaron as súas impresións ao servizo da comunidade. Por ese traballo pasaron tamén imaxes dos fundado
res, entre os que figuraban Ángel Portela, Joaquín Benavídez ou Manuel Carreiro; antigos profesores, como Doña Marisa ou Don José D. Oroña, ou Otilia, responsable da antiga cantina.
As intervencións das autoridades seguiron a mesma liña de conmemoración e homenaxe á memoria dos emigrantes de Piñeiro e Taborda, que se preocuparon por dar aos seus veciños e veciñas unha vida mellor ca que eles mesmos tiveran na súa terra de orixe.
A alcaldesa, Sandra González Álvarez, agradeceu o traballo de todas as persoas e empresas que colaboraron na recuperación do edificio, con especial mención ao Obradoiro de Emprego que fixo a meirande parte das obras, arquitectos, obreiros, membros das asociacións veciñas das dúas parroquias, etc. A rexedora local referiuse tamén ao simbolismo da obra reinaugurada tras tantos anos de esquecemento. “Hoxe máis que nunca debemos tomamos nota da memoria deses homes que fixeron as maletas e deixaron a súa vida aquí para traernos o saber. O que eles viron alí, en América, o progreso que marcaban as repúblicas americanas ensinoulles que para transformar é preciso saber, e o saber viña aprendido na escola. Por iso todos debemos coidar a educación dos nosos fillos e fillas e en tempos de crise investir, se cabe, máis en formación que é instrumento de igualdade de oportunidades para todos e todas”, salientou.
Tanto ela, como os demais interlocutores, subliñaron a importancia da unión entre as dúas parroquias. “Este edificio foi un símbolo da solidariedade que permaneceu erguido no tempo con orgullo, por iso foi empeño deste goberno local que presido que un dos símbolos da solidariedade dos nosos emigrantes fora reconstruído, sacado do abandono no que estaba e convertido de novo nun lugar de unión e convivencia entre as dúas parroquias; e claro, xa hai un dito que di que cando un está soñando solo simplemente está soñando, pero cando moitos soñan xuntos, é o principio dunha nova realidade, e soñamos todos con reconstruír a Unión e así o fixemos porque xa o dicía Castelao que “o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, os ideais en feitos” e entre todos fixémolo!”, resaltou.
Tamén Uxío Benítez, concelleiro de Urbanismo e Patrimonio, incidiu no carácter simbólico do edificio, explicando en detalle os pasos seguidos para a realización da reforma. Neste sentido, salientou o esforzo do Concello para que os veciños de ambas parroquias se puxeran de acordo na importancia que tiña “defender o noso Patrimonio”.
Asemade, falaron Carmen Portela, neta dun dos emigrantes fundadores de Piñeiro, Belén Casaleiro (representante veciñal de Taborda) e Marcos Benavídez, de Piñeiro.
Amenizaron o acto as pandereteiras Cacharela de Taborda e o grupo Xistra.
O Concello organizou unha exposición conmemorativa sobre a arquitectura indiana, a historia da emigración e do propio inmoble. A través de paneis, os veciños puideron coñecer e lembrar como fora o pasado do edificio e dos seus primeiros usuarios e fundadores.
Datos de interese sobre a obra
O proxecto de rehabilitación contemplou a reforma da antiga escola indiana, con dúas plantas e ampliación do edificio.
A actual construción consta tamén de dúas plantas, duns 178 metros cadrados cada unha, máis terraza.
A planta baixa alberga unha cafetería, oficinas e ascensor, e a alta, un salón de actos, sala de ordenadores, almacén, etc.
A superficie ampliada ten dous locais abaixo e outros dous arriba para uso de asociacións veciñais e culturais das parroquias.
O investimento realizado ascendeu a 500.000 euros procedentes da Consellería de Traballo (Obradoiro de Emprego) e 150.000 que aportou o Concello.











