O Concello inaugura a antiga escola indiana “Unión del porvenir” para uso dos veciños de Piñeiro e Taborda

Vista do edificio antes e despois da remodelación
O Concello de Tomiño inaugurará o vindeiro venres 28 de xuño, as obras de rehabilitación e ampliación do edificio da antiga Escola Unión del Porvenir, situada entre as parroquias de Piñeiro e Taborda. Despois de trinta e cinco anos de abandono, esta inauguración faise coincidir co oitenta e dous aniversario da primeira inauguración do edificio, celebrada o día 28 de xuño de 1931.
Dado que o obxectivo do Concello foi recuperar este emblemático edificio, construído con fondos procedentes da emigración, para uso e disfrute dos veciños e veciñas das parroquias de Piñeiro e Taborda, membros do goberno local mantiveron unha xuntanza, cos diferentes colectivos e asociacións de caracter veciñal e cultural de ambas as dúas parroquias, “co fin de artellar un acto que, ademais da reabertura do edificio, simbolice a unión das dúas parroquias mencionadas”, en palabras do concelleiro de Urbanismo, Uxío Benítez.
Deste xeito, o Concello organiza unha exposición conmemorativa sobre arquitectura indiana, historia da emigración e do propio inmoble. Asemade, estase a preparar un audiovisual que se presentará o mesmo día da inauguración.
O proxecto de rehabilitación contemplou a reforma da antiga escola indiana, con dúas plantas e ampliación do edificio.
A actual construcción consta tamén de dúas plantas, duns 178 metros cadrados cada unha, máis terraza.
A planta baixa albergará unha cafetería, oficinas e ascensor, e a alta, un salón de actos, sala de ordenadores, almacén, etc.
A superficie ampliada, pola súa banda, ten dous locais abaixo e outros dous arriba para uso de asociacións veciñais e culturais de ambas parroquias; dous baños abaixo e outros dous arriba, escaleiras, etc.
O investimento realizado ascendeu a 500.000 euros procedentes da Consellería de Traballo (Obradoiro de Emprego) e 150.000 que aportou o Concello.
Licitación cafetaría
O prazo para optar á licitación da cafetería que se instalará dentro da antiga escola indiana, permanece aberto ata o día 17 de maio, podendo consultarse as condicións e requisitos no propio Concello.











