O Concello empeza as obras de urbanización da quella de Atocha Baja por un importe de 234.000 euros
O Concello da Coruña empezou hoxe luns 3 de xuño, a través da área de Infraestructuras, as obras da quella de Atocha Baja, que inclúe o derrubamento do tapón urbanístico para, a continuación, iniciar os traballos de urbanización da zona. Esta obra, cun presuposto de 234.000 euros, dá resposta a unha demanda veciñal e ao compromiso adquirido polo alcalde da Coruña, Carlos Negreira, de buscar unha reforma consensuada cos residentes.
Dentro da política marcada polo actual equipo de goberno de favorecer a participación e a igualdade de oportunidades entre as empresas, ao concurso presentáronse un total de 19 propostas, o que permitiu rebaixar de xeito considerable o presuposto da actuación. Así, o prezo final da obra, adxudicada á empresa Aldasa por de 234.624,83 euros, significa unha rebaixa do 21,55% con respecto ao presuposto de licitación, un aforro ás arcas municipais que alcanza os 64.470,19 euros.
Esta actuación permite poñer fin a un dos tapóns urbanísticos que quedaban pendentes de resolver na cidade. O proxecto, que se desenvolve baixo a supervisión dunha arquitecta municipal, ten un prazo de execución estimado de seis meses, tempo no que se derrubarán as edificacións existentes -o número 28 da rúa Atocha Baja e os números 2, 4 e 6 da quella de Atocha Baja- e posteriormente urbanizarase o espazo que quede liberado. Desta forma, se peatonalizará a quella de Atocha Baja e unirase coa rúa Orillamar a través dunha escalinata e unha rampla.
O derrubamento e posterior urbanización da quella forma parte do compromiso do Goberno Local de humanizar a cidade, posto que se aproveitarán as obras para plantar árbores e instalar mobiliario urbano. Nesta lexislatura, o Concello xa desenvolveu outras intervencións urbanísticas de similares características. Así, no barrio do Castrillón tamén se atendeu a unha vella demanda dos veciños de había 20 anos coa eliminación das barreiras arquitectónicas que dificultaban o acceso aos portais 61, 63 e 65 da rúa Antonio Ríos.
OS ROSALES
A Concellaría de Infraestruturas tamén informa de que empezou hoxe o proxecto de renovación do pavimento e impermeabilización de dous locais comerciais que se encontran baixo a rúa Alcalde Suárez Ferrín, no barrio dos Rosales. Os traballos supoñen a substitución de 4.860 metros cadrados de calzada. En concreto, as obras consistirán no fresado da capa actual, que se encontra deteriorada, a colocación de nova rodadura sobre a vía e, por último, a renovación de toda a sinalización horizontal.
Con anterioridade á pavimentación da rúa, a área de Infraestructuras aproveitará para executar a impermeabilización dos teitos de dous locais comerciais, cunha superficie total de 814 metros cadrados (370 están debaixo da beirarrúa e 444 encóntranse baixo o pavimento bituminoso da calzada).
O Concello adxudicou a reposición de pavimento e impermeabilización da rúa Alcalde Suárez Ferrín á empresa Canarga por 184.738 euros, o que supón un aforro do 21% (49.537 euros) con respecto ao presuposto de licitación. As obras teñen un prazo de execución de tres meses.











