O Concello destina 133.000 euros ao Servizo Municipal de Urxencias Sociais e ao programa Transporte Sanitario
O Concello da Coruña segue adiante co seu compromiso irrenunciable de reforzar o seu apoio ás entidades sociais da cidade e de estreitar os seus lazos de colaboración. Para garantir o cumprimento destes obxectivos, a Xunta de Goberno Local autorizou a firma de dous convenios con Cruz Vermella Española para a atención das persoas que máis o necesitan: o Servizo Municipal de Urxencias Sociais (SEMUS) e o programa de Transporte Sanitario. En total, a Concellaría de Servizos Sociais dedica 133.000 euros.
O Goberno local mantén a súa colaboración con dous proxectos estratéxicos para a área de Servizos Sociais e que corroboran a filosofía municipal de apoiar entidades que, como Cruz Vermella, desenvolven accións de benestar social e servizos asistenciais e sociais, con especial atención a colectivos ou persoas con dificultade para a súa integración. Os dous convenios aprobados na Xunta de Goberno Local de onte permitirán afianzar o traballo que realiza a Concellaría de Servizos Sociais, en colaboración de Cruz Vermella Española na Coruña, ao longo deste ano.
. Programa de Transporte Sanitario. Este convenio de 63.106,27 euros permite que Cruz Vermella dispoña dun vehículo sanitario na cidade para o traslado de persoas afectadas de problemas de saúde ou para situacións de emerxencia. A prestación deste servizo municipal completa o labor realizado polo Sergas, o 061 e outras institucións comprometidas na atención sanitaria.
. Servizo Municipal de Urxencias Sociais (SEMUS). O Concello achega 70.000 euros a este programa que busca dar resposta inmediata a urxencias individuais e colectivas para aquela poboación que se encontra en situación de vulnerabilidade social.
O SEMUS ten como misión asegurar unha atención continuada no campo social, complementando a realizada dende a Concellaría de Servizos Sociais. Este programa, activado dende o Concello, realiza un labor de observación e diagnóstico sobre situacións de pernoctación na rúa, ademais de intervir en todas aquelas situacións complexas nas que hai unha vertente social que precisa solución (solicitudes de refuxio, situacións sobrevidas de perda da vivenda ou problemas sociosanitarios).
O Servizo Municipal de Urxencias Sociais dispón de tres persoas contratadas, un equipo de voluntarios moi especializado, un vehículo de transporte e equipamento informático. Os principais obxectivos son:
– Ofrecer de xeito inmediato unha atención especializada ás persoas que de forma imprevista se encontren en situación de vulnerabilidade social.
– Completar a atención dos servizos sociais municipais.
– Apoyar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando o desenvolvemento das súas funcións presente problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas de resposta especializados.











